A Xustiza da UE admite os recursos polo caso Altsasu

A Xustiza da Unión Europea terá a última palabra no caso Altsasu, despois de aceptar dous dos recursos presentados pola falta dun proceso xudicial xusto. As familias dos condenados defenden que "isto quizais sirva para evitar que outras persoas sufran procesos xudiciais desta natureza".
Manifestación en 2019 en Altsasu pedindo a liberdade dos acusados. (Foto: Twitter)
photo_camera Manifestación en 2019 en Altsasu pedindo a liberdade dos acusados. (Foto: Twitter)

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) confirmou esta terza feira a admisión de cando menos dous dos recursos presentados pola falta dun xuízo xusto contra as oito persoas de Altasua (Nafarroa) que foron condenadas con sentenzas de até 13 anos de prisión por unha lea nun bar con dous gardas civís sen uniforme, confirmou a plataforma Altsasu Gurasoak, formada polas nais e país dos condenados.

Esta asociación indica que “é previsíbel que o resto de recursos siga o mesmo camiño, pero por agora non temos a confirmación”, dado que foron presentados por diferentes avogadas e avogados.

En outubro de 2016, un barullo sen feridos nun bar do concello acabou con acusacións de terrorismo nos medios estatais, ás que logo se sumou a Fiscalía. Durante un mes, a investigación foise filtrando, coas fotos e datos persoais dos acusados.

O fiscal do caso presentou o acontecido no local como un ataque terrorista, baseado na ideoloxía abertzale dos imputados e na súa animadversión cara a Garda Civil, e solicitou de 12 a 62 anos de prisión para eles.

Isto motivou que o caso non fora xulgado en Nafarroa, senón na Audiencia Nacional de Madrid. A presidenta do tribunal que os condenou, Concepción Espejel, ademais de estar casada cun garda civil foi premiada anteriormente polo corpo militar. Cando a presidenta foi recusada ela mesma se encargou de desestimar a solicitude por “extemporánea”.

Así como o abuso da figura de prisión preventiva, tres dos acusados chegaron a pasar máis de 1.000 días na gaiola antes de que houbera sentenza, a Audiencia Nacional negou durante o xuízo á defensa a presentación de diversas probas que exculpaban os acusados, apuntan no recurso.

A sentenza por delitos de atentado aos axentes, lesións, desordes públicos e ameazas, foi posteriormente rebaixada polo Tribunal Supremo despois dun recurso da defensa, mais mantivo penas máximas de 9 anos e 6 de meses de prisión. En novembro de 2020, o Constitucional negouse a admitir o recurso.

Altsasu Gurasoak defende que se trata dunha "montaxe xudicial"

“Non reparará a inxustiza, pero quizais sirva para evitar que outras persoas sufran procesos xudiciais desta natureza”, sinala Altsasu Gurasoak, plataforma das nais e pais dos condenados, que cualifica o xuízo como unha "montaxe xudicial".

Na presentación do recurso, agradeceron o apoio recibido neste "esgotador, tortuoso e case imposíbel percurso" para denunciar unha "inxustiza brutal e un abuso de poder total e absoluto", caracterizado pola falta de "independencia xudicial". Ben que a resolución da Xustiza da Unión Europea se retrasará varios anos, segundo predín, é o intre de que as institucións actúen e frear a dinámica de mobilización que permitiu dar visibilidade a este caso, indican, antes de incidir no "noso agradecemento máis sincero e infinito".

Comentarios