A xustiza alemá volve tombar a acusación de Llarena contra Puigdemont por rebelión

A Audiencia territorial de Schleswig Holstein mantén o seu rexeitamento a incluír o cargo de rebelión no proceso de extradición contra o dirixente independentista.

Puigdemont, durante o seu discurso onte desde Bruxelas

Se non queres unha cunca, toma dúas. A Audiencia territorial de Schleswig Holstein reiterou esta terza feira o seu rexeitamento a incluir o cargo de rebelión no procedemento aberto de extradición contra Carles Puigdemont. A xustiza alemá mantén así  explicitamente o seu posicionamento do pasado 5 de abril no cal considerou "en principio inadmisíbel" unha extradición de Puigdemont por rebelión, en resposta a unha petición da fiscalía do pasado 9 de maio para que fose detido de novo.


A fiscalía alemá, con nova información recibida da xustiza española, presentou o 9 de maio unha nova solicitude para a detención do expresidente catalá. Neste escrito, a Fiscalía solicitou novamente a detención por considerar que a posibilidade dunha extradición por rebelión aumentaría o risco de fuxida.

Mais o xulgado alemán rexeitou a solicitude de deter a Puigdemont ademais de considerar que a nova información non dá motivo para formular un cargo da rebelión. "Desde o punto de vista do tribunal, no marco do proceso, non houbo un cambio significativo que xustifique un cambio na posición que se reflectiu na decisión do 5  de abril de 2018 ", di o xulgado nesta terza feira.

O tribunal insiste en que non se cumpran as condicións para tipificar o delito de alta traizón, que correspondería na lei alemá á de rebelión. "A información adicional sobre feitos concretos non cambia nada niso", segundo a resolución.

Comentarios