Duro golpe á estratexia do estado español

A xustiza alemá deixa en liberdade Puigdemont e desbota o delito de rebelión

Baixo fianza de 75.000 euros. A decisión da audiencia de Schleswig-Holstein chega mentres continúa a estudar a extradición do president, mais só por apropiación indebida de fondos. Ademais, a xustiza belga deixou en liberdade os exconsellers Toni Comín, Meritxell Serret e Lluís Puig após declarar esta tarde perante un xuíz en Bruxelas.

Puigdemont esta semana en Bruxelas. Foto NacióDigital
photo_camera Foto NacióDigital

A xustiza alemá deixou Puigdemont en liberdade baixo fianza de 75.000 euros e desbotou o delito de rebelión. A audiencia territorial do land de Schleswig-Holstein tomou esta decisión mentres segue estudando o proceso de extradición do ex president da Generalitat, que se debe tomar nun prazo máximo de 60 días coa opción de 30 máis, e que só se tramitará polo delito de apropiación indebida de fondos. En calquera caso, a decisión final pode ser recorrida e o avogado alemán de Puigdemont xa informou que estaban a estudar levar esta decisión ao Constitucional.

Nun comunicado, o xuíz de Schleswig-Holstein explicou que só procesará a petición de España por delito de apropiación indebida de fondos, sendo que considera que non houbo violencia en Catalunya e que, polo tanto, non era apropiado extraditarlo por rebelión. 

Segundo o Tribunal Penal,  a imputación do delito de rebelión é "inadmisíbel", mais considera que se pode aceptar como corrupción o de apropiación indebida de fondos públicos, de modo que o proceso de extradición segue adiante

Aínda que afirma que o risco de fuga continúa, o tribunal considera que este se reduce considerabelmente ao ser "inadmisíbel" o delito de rebelión.

De se producir a extradición nos termos fixados polo xuíz de Schleswig-Holstein, Puigdemont só podería ser xulgado polo Tribunal Supremo polo delito de malversación de fondos, o que supón desbaratar na práctica toda a instrución do xuíz Llarena.

Bélxica

Na tarde desta quinta feira a xustiza belga deixou en liberdade os exconsellers Toni Comín, Meritxell Serret e Lluís Puig após declarar esta tarde perante un xuíz en Bruxelas, segundo as fontes de Junts per Catalunya. O xuíz decidiu non impoñerlles ningunha medida preventiva oufianza mentres se decide o euroorde. O seguinte paso será unha audiencia xudicial para que o maxistrado poida decidir se son extraditados ou non.

Comentarios