A Xustiza absolve Airbus e Air France por un accidente no que faleceron 228 persoas en 2009

A catástrofe tivo lugar o 1 de xuño de 2009 na ruta conectaba Río de Janeiro e París.

Un avión da compañía Air France. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un avión da compañía Air France. (Foto: Nós Diario)

Un tribunal de París absolveu esta segunda feira o construtor Airbus e a compañía Air France por un accidente aéreo acontecido o 1 de xuño de 2009 no que faleceron 228 persoas. A resolución xudicial é “polémica” porque as familias das vítimas querían que se determinara a responsabilidade criminal de ambas as empresas polos erros técnicos e de pilotaxe que conduciron á traxedia.

O Airbus A330-200 de Air France realizaba a ruta Río de Janeiro-París cando se precipitou ao océano após pasar por unha zona de tormenta. A investigación mostrou que as sondas de velocidade se conxelaron e deixaron de funcionar, indicando unha altitude equivocada. Os pilotos non foron quen de detectar o problema nin de reaccionar debidamente cando o avión se desestabilizou.

O tribunal francés seguiu o criterio da Fiscalía e considerou que non se puido demostrar “un vínculo de causalidade certa” entre os erros cometidos e o accidente, polo que ambas as compañías foron absoltas de homicidio involuntario.

Así e todo, as investigacións desvelaron que as sondas de velocidade dos Airbus xa sufriran problemas semellantes con anterioridade ao accidente do voo 447. Durante o xuízo púxose de manifesto, por unha parte, que os pilotos de Air France non estaban informados do problema para poder reaccionar e, pola outra, que Airbus subestimou a gravidade do defecto das sondas.

Non obstante, a sentenza emitida nesta segunda feira non exime Airbus e Air France da responsabilidade civil e das indemnizacións correspondentes.

Dous anos despois e a 3.900 metros de profundidade

As caixas negras do avión sinistrado atopáronse case dous anos despois do accidente e a 3.900 metros de profundidade, após unha intensa busca con medios aéreos e navais, incluídos submarinos. No Airbus viaxaban persoas de 33 nacionalidades, entre elas 72 francesas e 58 brasileiras. Trátase do accidente é o máis mortífero sufrido por unha compañía francesa.

Comentarios