Cando o 25 de maio de 2020 un policía de Mineápolis, a capital do estado de Minnesota nos Estados Unidos, mantiña durante 9 minutos e 29 segundos o seu xeonllo na gorxa de George Floyd, até matalo, a policía xa executara a outras 6 persoas afroamericanas e desarmadas nos primeiros 5 meses do ano. Outras 12 morrerían até o final de 2020.
Na tarde da pasada terza feira, o xuíz Peter Cahill leu o veredicto do xurado, que chegou a unha decisión unánime despois de só 10 horas de deliberación.
A decisión das 13 persoas do xurado foi considerar culpábel a Derek Chauvin dos tres cargos dos que estaba acusado: asasinato en segundo e terceiro grao e homicidio imprudente en segundo grao. Estes cargos implican que o policía Chauvin tiña intención de matar a George Floyd, ademais de actuar de forma perigosa e irresponsábel.
Se ben a sentenza non será anunciada até dentro de dous meses, sinalou o xuíz Peter Cahill, Chauvin podería enfrontarse a 40 anos de prisión polo asasinato en segundo grao, aínda que expertos legais consultados polos medios estadounidenses sitúanna arredor dos 12 anos, ao non contar con antecedentes.
A morte de George Floyd hai menos dun ano desatou as protestas raciais máis importantes nos Estados Unidos cando menos nos últimos 30 anos, despois das producidas nos Ánxeles tras a malleira policial a Rodney King o 3 de marzo de 1991.
Igual que naquela ocasión, foi chave o feito de que a agresión se gravara para permitir que o público fora consciente da situación real da violencia policial contra os afroamericanos, neste caso o mérito é de Darnella Frazier, entón con 17 anos, que evitou que este asasinato quedara impune. A condena a Derek Chauvin é a primeira por violencia a un policía branco en acto de servizo no estado de Minnesota.
Supremacía branca
A pesar disto, esta condena non implica máis que o que é, unha condena. Black Lives Matter, organización que promove o activismo para rematar coa violencia policial contra a comunidade afroamericana, publicou unha nota de prensa pouco despois de coñecerse o veredicto onde aclaraba que isto “non cambia o que sabemos todas nós: a supremacía branca aínda existe”.
Tamén quixeron sinalar que aínda que apoian a familia de Floyd para que atope consolo, “un sistema opresivo e racista non pode nin fará xustiza para o noso pobo. O que vimos hoxe foi algunha forma de rendición de contas, non de xustiza [...]. A xustiza significaría un sistema non enraizado na supremacía branca, o día en que a conseguiremos é o día no que non se nos quite ningunha vida de persoas negras a mans da policía”, amais de pedir máis investimento nas súas comunidades.
O racismo é unha parte fundamental da historia estadounidense, un país enriquecido a base dos sacrificios de man de obra escrava. Até a vicepresidenta Kamala Harris recoñeceu poucas horas despois do veredicto “a longa historia que ten Estados Unidos de racismo sistémico”, que leva a que algunhas persoas sexan consideradas “menos humanas”, laiouse.
Nos mesmos termos se expresou Joe Biden, presidente dos EUA, ao recoñecer que “o racismo sistémico é unha mancha na alma da nación”, mentres reiteraba a necesidade de rematar coa violencia policial.
As estatísticas corroboran esta situación, segundo a Oficina do Censo dos Estados Unidos o 13% da poboación do país é afroamericana. En cambio, representan o 40% da poboación en prisión e o 24% das persoas mortas por disparos en policía o ano pasado. A probabilidade de recibir un disparo das forzas de seguridade é case tres veces máis alta que para as persoas brancas.
A esperanza de vida dunha persoa afroamericana nos Estados Unidos é tres anos e medio menor que o dunha persoa branca, asegura o censo oficial, que tamén recolle que o 21% da comunidade afroamericana vive por debaixo do limiar da pobreza, mais para os estadounidenses brancos, esta cifra redúcese ao 8,1%. Até nos datos de desemprego a diferenza é palpábel, 9,6%, case catro puntos por enriba da media dos EUA, como revela a oficina de Estatística do país.
Aínda coa condena a Derek Chauvin, o policía que asasinou George Floyd, a violencia policial nos Estados Unidos contra as persoas afroamericanas non cesa. Só na última semana saltaron á palestra pública tres novas mortes a mans da policía: Adam Toledo de 13 anos en Chicago, unha adolescente de 15 en Columbus (Ohio) e un rapaz de 27 na mesma cidade. Os tres casos fixéronse públicos despois de filtrarse os vídeos das cámaras dos axentes da policía.
A comezos de marzo foi aprobada unha iniciativa parlamentar na Cámara de Representantes que cando menos prohibiría determinadas técnicas de represión -como a que matou George Floyd-, ou crearía un rexistro de malas prácticas, mais a proposta está paralizada polo bloqueo republicano.