martes 11/05/21

A condena ao policía que matou a Floyd non remata coa supremacía branca

O veredicto de culpabilidade contra Derek Chauvin, o policía que matou a George Floyd, supón a primeira condena contra un policía branco en acto de servizo no estado de Minnesota. Mais para organizacións como Black Lives Matter non supón un cambio substancial, "a supremacía branca existe", recorda nun comunicado.
Protesta contra a violencia policial contra os afroamericanos en Estados Unidos hai dúas semana. Foto:
Protesta contra a violencia policial contra os afroamericanos en Estados Unidos hai dúas semanas. (Foto: Henry Pan / ZUMA Wire / dpa)

Cando o 25 de maio de 2020 un policía de Mineápolis, a capital do estado de Minnesota nos Estados Unidos, mantiña durante 9 minutos e 29 segundos o seu xeonllo na gorxa de George Floyd, até matalo, a policía xa executara a outras 6 persoas afroamericanas e desarmadas nos primeiros 5 meses do ano. Outras 12 morrerían até o final de 2020.

Na tarde da pasada terza feira, o xuíz Peter Cahill leu o veredicto do xurado, que chegou a unha decisión unánime despois de só 10 horas de deliberación.

A decisión das 13 persoas do xurado foi considerar culpábel a Derek Chauvin dos tres cargos dos que estaba acusado: asasinato en segundo e terceiro grao e homicidio imprudente en segundo grao. Estes cargos implican que o policía Chauvin tiña intención de matar a George Floyd, ademais de actuar de forma perigosa e irresponsábel.

Se ben a sentenza non será anunciada até dentro de dous meses, sinalou o xuíz Peter Cahill, Chauvin podería enfrontarse a 40 anos de prisión polo asasinato en segundo grao, aínda que expertos legais consultados polos medios estadounidenses sitúanna arredor dos 12 anos, ao non contar con antecedentes.

A morte de George Floyd hai menos dun ano desatou as protestas raciais máis importantes nos Estados Unidos cando menos nos últimos 30 anos, despois das producidas nos Ánxeles tras a malleira policial a Rodney King o 3 de marzo de 1991.

Igual que naquela ocasión, foi chave o feito de que a agresión se gravara para permitir que o público fora consciente da situación real da violencia policial contra os afroamericanos, neste caso o mérito é de Darnella Frazier, entón con 17 anos, que evitou que este asasinato quedara impune. A condena a Derek Chauvin é a primeira por violencia a un policía branco en acto de servizo no estado de Minnesota.

Supremacía branca

A pesar disto, esta condena non implica máis que o que é, unha condena. Black Lives Matter, organización que promove o activismo para rematar coa violencia policial contra a comunidade afroamericana, publicou unha nota de prensa pouco despois de coñecerse o veredicto onde aclaraba que isto “non cambia o que sabemos todas nós: a supremacía branca aínda existe”.

Tamén quixeron sinalar que aínda que apoian a familia de Floyd para que atope consolo, “un sistema opresivo e racista non pode nin fará xustiza para o noso pobo. O que vimos hoxe foi algunha forma de rendición de contas, non de xustiza [...]. A xustiza significaría un sistema non enraizado na supremacía branca, o día en que a conseguiremos é o día no que non se nos quite ningunha vida de persoas negras a mans da policía”, amais de pedir máis investimento nas súas comunidades.    

O racismo é unha parte fundamental da historia estadounidense, un país enriquecido a base dos sacrificios de man de obra escrava. Até a vicepresidenta Kamala Harris recoñeceu poucas horas despois do veredicto “a longa historia que ten Estados Unidos de racismo sistémico”, que leva a que algunhas persoas sexan consideradas “menos humanas”, laiouse.

Nos mesmos termos se expresou Joe Biden, presidente dos EUA, ao recoñecer que “o racismo sistémico é unha mancha na alma da nación”, mentres reiteraba a necesidade de rematar coa violencia policial.

As estatísticas corroboran esta situación, segundo a Oficina do Censo dos Estados Unidos o 13% da poboación do país é afroamericana. En cambio, representan o 40% da poboación en prisión e o 24% das persoas mortas por disparos en policía o ano pasado. A probabilidade de recibir un disparo das forzas de seguridade é case tres veces máis alta que para as persoas brancas.

A esperanza de vida dunha persoa afroamericana nos Estados Unidos é tres anos e medio menor que o dunha persoa branca, asegura o censo oficial, que tamén recolle que o 21% da comunidade afroamericana vive por debaixo do limiar da pobreza, mais para os estadounidenses brancos, esta cifra redúcese ao 8,1%. Até nos datos de desemprego a diferenza é palpábel, 9,6%, case catro puntos por enriba da media dos EUA, como revela a oficina de Estatística do país.

Aínda coa condena a Derek Chauvin, o policía que asasinou George Floyd, a violencia policial nos Estados Unidos contra as persoas afroamericanas non cesa. Só na última semana saltaron á palestra pública tres novas mortes a mans da policía: Adam Toledo de 13 anos en Chicago, unha adolescente de 15 en Columbus (Ohio) e un rapaz de 27 na mesma cidade. Os tres casos fixéronse públicos despois de filtrarse os vídeos das cámaras dos axentes da policía.

A comezos de marzo foi aprobada unha iniciativa parlamentar na Cámara de Representantes que cando menos prohibiría determinadas técnicas de represión -como a que matou George Floyd-, ou crearía un rexistro de malas prácticas, mais a proposta está paralizada polo bloqueo republicano.

comentarios