Eleccións en Andalucía

A Xunta Electoral autoriza a participación de Adiante Andalucía nos debates das eleccións andaluzas

A coalición Por Andalucía, liderada por Podemos e IU, tentara excluír a formación de Teresa Rodríguez argumentando que era unha "formación extraparlamentaria e sen representatividade acreditada", após ser expulsada ela e mais outros oito deputados pola formación morada.
Teresa Rodríguez (Adiante Andalucía), recentemente, nun acto decorrido en Sevilla. (Foto: Europa Press)
photo_camera Teresa Rodríguez (Adiante Andalucía), recentemente, nun acto decorrido en Sevilla. (Foto: Europa Press)

A Xunta Electoral de Andalucía deu esta cuarta feira o visto e prace á participación da portavoz da coalición Adiante Andalucía, Teresa Rodríguez, nos debates televisados a seis entre as persoas candidatas á Presidencia da Xunta nas eleccións andaluzas do vindeiro 19 de xuño, que se emitirán por RTVA e RTVE.

Así o confirmaron fontes parlamentarias e de Adiante Andalucía, coalición que podía verse afectada polos escritos de reclamación que contra os plans de cobertura propostos polas canles públicas presentara a coalición Por Andalucía, que integra Esquerda Unida, Máis País, Podemos, Iniciativa do Pobo Andaluz, Verdes-Equo e Alianza Verde, e que se opuña a que a candidata Teresa Rodríguez participase dos devanditos debates.

Por Andalucía argumentou no seu escrito contra o plan da RTVA que Adiante Andalucía "non reúne ningún dos criterios legalmente previstos para participar" nos debates expostos pola RTVA, sendo unha "formación extraparlamentaria e sen representatividade acreditada".

Cómpre lembrar que Rodríguez e outros oito deputados foron expulsados en novembro de 2020 do grupo parlamentario de 17 representantes que Adiante Andalucía formou tras as eleccións do 2 de decembro de 2018.

Fronte a ese escrito presentou alegacións Adiante Andalucía, sostendo que "a coalición de Esquerda Unida vai contra os seus propios actos, xa que acordou co resto de partidos xusto o contrario do que solicita na súa reclamación", polo que trasladaba que "o devandito acordo non debería ser alterado unilateralmente por quen se achaba obrigado a respectala".

Finalmente, a Xunta Electoral deu o visto e prace á proposta de debates a seis trasladada por RTVA e RTVE no marco dun acordo que xa se comunicou ás partes implicadas. Está previsto que o pacto quede asinado e sexa feito público ao longo da xornada desta cuarta feira, a véspera do día de inicio oficial da campaña electoral dos comicios do 19 de xuño, que arrinca na medianoite desta sexta, 3 de xuño.

"Non era razoábel que, dentro do bloque de esquerdas, houbese organizacións que preferisen que non estivésemos, porque ademais iso non supuña que eles tivesen menos capacidade de intervención, senón ao revés; é darlle máis tempo e peso proporcional ao bloque das dereitas, que presenta tres persoas nos debates —candidatos de PP, Cidadáns e Vox—, tres espazos informativos, tres bloques de entrevistas", subliñou Rodríguez.

Comentarios