Xulio Ríos é galardoado co premio Cátedra China pola súa contribución ao país

O director do Observatorio da Política Chinesa recebeu a distinción na noite da pasada cuarta feira, no Palacio de Cibeles de Madrid

rios
photo_camera Xulio Ríos, co premio

O foro de expertos Cátedra China acaba de facer entrega dos seus premios anuais a aquelas persoas ou entidades que fomentasen o coñecemento da realidade chinesa. Un dos persoeiros recoñecidos nesta edición foi Xulio Ríos, ensaísta galego que actualmente dirixe o Observatorio da Política Chinesa, institución de referencia na área iberoamericana. Tamén resultaron premiados Julio Juberías, Dolors Folch e a empresa Iberia.

Cátedra China, presidida polo decano dos empresarios españois en China Marcelo Múñoz, reúne diplomáticos, empresarios, investigadores, profesores, xornalistas e responsábeis institucionais ligados con China. Neste ano, a entidade quixo pór en valor o traballo de Ríos, quen residiu de xeito permanente no vello imperio do centro e foi profesor visitante na Academia Sínica de Taipéi (Taiwán).

Unha carreira profesional en Oriente

 

Entre todas as achegas do traballo de Xulio Ríos recoñecidas neste galardón, cómpre destacar o seu papel activo na difusión do país oriental a través de numerosas e diversas iniciativas. Ríos codirixiu o programa Minzu de intercambio de experiencias en autonomías entre España e China, foi un dos promotores da Red Iberoamericana de Sinología, membro do Consello Asesor da Casa Asia e corresponsal académico do Observatorio de Asia Pacífico (da universidade colombiana Tadeo Lozano), entre outros moitos cargos.

 

Conta cunha dilatada bibliografía, con máis dunha vintena de títulos sobre a realidade chinesa e o seu impacto internacional. Por exemplo, é autor de Hong Kong, camiño de volta (Laiovento, 1997), China por dentro (Xerais, 1998), China, a próxima superpotencia (Laiovento, 1997) e publicou a versión en galego daArte da Guerra (2013, Teófilo Edicións).

 

Nos últimos anos, Ríos impulsou a celebración de simposios electrónicos internacionais sobre política chinesa (desde 2011), a elaboración de informes anuais de política chinesa (desde 2007) e Taiwán (desde 2015), alén da edición do dixital Jiexi Zhongguo –trimestral de análise e pensamento iberoamericano sobre China– (desde 2011) e do Taiwan Hebdo –semanario de política taiwanesa– (desde 2013). Tamén é colaborador habitual dos anuario de Asia-Pacífico e do CEIPAZ.

 

Ademais de escritor, Xulio Ríos exerceu como docente no Instituto de Altos Estudos Universitarios impartindo o módulo Taiwán: economía e sociedade e dirixiu traballos de fin de máster na Universidade Pontificia de Comillas. Por último, tamén ten un longo historial de colaboracións con medios de comunicacións, entre outros Sermos Galiza, quer como columnista sobre temas chineses en diarios como El País, La Vanguardia ou El Periódico, quer como locutor convidado en emisoras como a BBC, Cadena Ser ou Radio France Internacional. Tamén ten realizado achegas puntuais en canles de televisión (TVE, TVG, CCTV), revistas especializadas (Economía Exterior, Política Exterior, East Asia. An International Quarterly...), axencias de noticias (AGN, EFE, AFP, Xinhua) ou meios dixitais (Público, The Huffington Post...). Por último, é director da revista galega de análise e estudos internacionais Tempo Exterior, editada polo IGADI, institución que fundou no ano 1991 e que agora preside a título honorífico.

 

Comentarios