O xuízo dos 'sumidoiros' do Estado español salpica Mariano Raxoi

Segundo o testemuño dado no día de onte na Audiencia Nacional polo ex alto mando policial Eugenio Pino, o anterior presidente do Goberno español, Mariano Raxoi, pediu ao seu ministro de Interior, Jorge Fenández Díaz, que intercedese polo comisario José Manuel Villarejo, acusado de suborno, branqueo de capitais e pertenza a organización criminal. O emprego polos mandos do Estado de Villarejo e doutros funcionarios policiais para espionaxe de rivais políticos salpica a Mariano Raxoi. 
O ex comisario Villarejo (Imaxe; La Sexta)
photo_camera O ex comisario Villarejo (Imaxe: La Sexta)

As múltiples causas contra o comisario xubilado José Manuel Villarejo, actualmente en prisión preventiva, continúan o seu curso na Audiencia Nacional (AN). Onte, terza feira 28 de xaneiro, declarou Eugenio Pino, quen fora Director Adxunto Operativo (DAO) da Policía Nacional entre os anos 2012 e 2016.

Pino era considerado o número dous do corpo policial baixo o mandato do ex presidente do Goberno do Estado español, Mariano Raxoi. Durante o seu testemuño onte ante o maxistrado da Audiencia Nacional, o ex DAO afirmou que recibiu unha chamada do ex ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, por encargo de Mariano Raxoi, para pedir que intercedese por Villarejo. Nesa conversa telefónica Díaz pediulle que deixase de "tratar mal" a Villarejo, asegurou Pino.  

Esta testemuña está imputada no caso 'Villarejo' por diversos indicios que o inclúen nas espionaxes contra o ex tesoreiro do PP, Luis Bárcenas, condenado a 33 anos de prisión e a unha multa de 44 millóns de euros pola trama de corrupción Gürtel. 

Raxoi pediu por medio do ministro díaz "non tratar mal" a villarejo, declarou pino

Con todo, esta non foi a cuestión pola que se lle interrogou onte na Audiencia Nacional, pois Pino compareceu como responsábel da 'brigada política' que actuou durante a primeira parte do Goberno de Raxoi.

A policía política

Esta denominada 'brigada política' ou 'policía patriótica' saltou á luz en abril do ano 2017, cando o xuíz da Audiencia Nacional José de la Mara comezou a investigación das irregularidades dese entramado.

Desta maneira, foise desvelando que a brigada se trataba dun grupo de axentes (funcionariado policial) que, lonxe das funcións ás que debía responder, operou durante a primeira lexislatura do Goberno central de Mariano Raxoi en contra de rivais políticos do Partido Popular. Elaboraban informes, espiaban e fabricaban artimañas para tamén, por exemplo, por medio da Operación Catalunya, tentar desacreditar as e os líderes políticos e sociais independentistas cataláns. 

Pino desdise e agora di non coñecer os sumidoiros

O nome do ex Director Adxunto Operativo, Eugenio Pino, transcendeu na causa debido a unha carta que asinou e enviou ao xuíz da Audiencia Nacional, e na que defendía o comisario Villarejo. Na misiva Pino aseguraba "que tanto no ámbito da corrupción política como no do terrorismo realizou significativos informes de intelixencia que despois de xudicializarse permitiron destacadas operacións policiais". 

Pino afirmábase na carta coñecedor da dobre condición do comisario xubilado Villarejo de funcionario policial e de empresario con negocios privados. Ante o xuíz, recoñeceu ademais que sabía da posesión de empresas por Villarejo, mais tamén apuntou que non foron utilizadas pola policía para dar cobertura a operacións.

Con todo, Pino desdíxose no día de onte na Audiencia Nacional, ao asegurar que ignoraba gran parte dos traballos de Villarejo durante a primeira etapa de Mariano Raxoi, da mesma maneira que afirmou non coñecer as múltiples reunións que Villarejo mantivo no marco da Operación Catalunya para espiar e tentar afundir as e os políticos soberanistas de Catalunya. Pino limitouse neste sentido a sinalar que “Villarejo era unha sorte de axente libre” que ademais de como comisario, “tamén traballaba para o Centro Nacional de Intelixencia (CNI)”. 

Eugenio Pino, "o deus no olimpo policial"

O xuíz da Audiencia Nacional non gostou do cambio de postura que onte tomou Eugenio Pino, xa que pasou de afirmar na misiva a dobre condición do ex comisario Villarejo a asegurar ante o maxistrado que descoñecía por completo a maioría dos datos e dos feitos. 

Nesa liña, Pino sinalou que o Corpo Nacional de Policía nunca aprobou o uso das empresas do comisario retirado Villarejo a pesar de que tiñan coñecemento da súa existencia. O propio Pino chegou a asegurar que el mesmo pedira nalgunha ocasión o cesamento de Villarejo. 

Foi aí cando, con sorpresa, o maxistrado da Audiencia Nacional saltou afirmando: “pero se vostede era deus no Olimpo da policía”, en referencia ao gran poder que o ex DAO tiña. 

A declaración de Pino chegou após a dos xefes da Policía Agustín Linares e Pedro Díaz Pintado, cuxas firmas aparecen tamén na carta asinada por Pino. Pola súa banda, Linares negou que se tivesen empregado as empresas de Villarejo para labores policiais, mentres que Díaz Pintado mantivo entre múltiples contradicións que descoñecía que Villarejo tivese un negocio empresarial.

As cartas asinadas polos tres altos cargos policiais foron apresentadas pola defensa do comisario Villarejo para rebater o cargo de suborno que se lle imputaba á súa detención.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios