O xuízo político ao soberanismo catalán sáldase cunha condena a Mas de 2 anos de inhabilitación

A causa non tiña moito sustento xurídico até o ponto de no seu día os fiscais cataláns afirmaren que non había materia delictiva. Mais os argumentos de tipo político pesaron na decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya nun auténtico xuízo ao soberanismo catalán, ao chamado procés. Artur Mas, Joana Ortega e Irene Rigau son condenados por un delito de desobediencia e son absolvidos do de prevaricación.

Manifestación soberanista inicio xuízo 9N contra Artur Mas, Joana Ortega e Irene Rigau
photo_camera Mas, á súa chegada ao tribunal, acompañado de cargos do Govern e centos de soberanistas

Non prevaricaron (non ditaron ordes inxustas a sabendas do que o eran), mais si desobedeceron. Ese é o delito polo que Artur Mas, Joana Ortega e Irene Rigau -presidente, vicepresidenta e conselleira de Educación da Generalitat no momento dos feitos xulgados, novembro de 2014- foron condenados esta segunda feira polo Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya.

Artur Mas é condenado a 2 anos de inhabilitación (prohibición de exercicio de calquer cargo político eleito) e ao pagamento dunha multa de 36.500 euros. Joana Ortega, a 1 ano e 9 meses e 30.000 euros de multa. Irene Rigau, a 1 ano e 6 meses e 24.000 euros de sanción económica.

Terían desobecido a providencia de suspensión do referendo de autodeterminación do 9N ditada polo Tribunal Constitucional cinco días antes da realización da consulta.

De nada valeron os argumentos expresados pola defensa segundo os cais o Govern si respeitou a orde do TC ao se desvincular do referendo e ao permitir que este se transformase nunha consulta participativa directamente xerida polo Pacte Nacional pel Dret a Decidir e o seu exército de 40.000 persoas voluntarias.

No seu alegato final, o fiscal, Emilio Sánchez Ulled, considerou probado que o Govern si continuou operando a favor da realización da consulta após lle ter sido comunicada a providencia do TC.

Este alegato do ministerio público contrasta coa posición que no seu día adoptaron, por unanimidade, os fiscais do TSXC para os cais non existía delito desde o momento en que o TC non emitiu ningunha providencia ad hoc en que se indicasen que aspectos da consulta debían ser suspendidos e en que se explicitasen que cargos públicos tiñan que actuar para impedir que o referendo se levase a termo.

A defensa de Mas, Ortega e Rigau apresentarán con toda probabilidade recurso ao Tribunal Supremo.

Reaccións

  • CUP. Ve na sentenza o certificado de defunción da vía do referendo pactado, na que aposta Catalunya sí que es Pot, Podemos e Ada Colau. Chaman a acelerar o referendo pactado.
  • ERC. Mostran o apoio a Mas e declaran que o Estado non terá capacidade para frear o procés.
  • PDeCAT. O seu líder, Artur Mas, afirma que acatarán a condena ditada pola xurisdisción española á agarda de construír a soberanía catalá. "En España perséguense as ideas políticas", afirma.
  • BNG. Denuncia a dupla vara de medir da xustiza española: luva de seda coa Casa Real e man de ferro cos convocantes da consulta do 9N. Na súa conta twitter, Ana Pontón escrebe: "Tot el suport a #Mas, @joanaortega #irenerigau. O estado español condena a quen defende a democracia, mentres ampara corrupción e corruptelas".
  • Podemos. Pablo Iglesias afirma en twitter que "Artur Mas é o herdeiro do pujolismo, unha das piores expresións da Trama, mais que o condenen por pór as urnas é unha vergoña".
  • PSC. Pide respeitar a sentenza, mais afirma que a xudicialización da política non leva a ningures.
  • PSOE. Antonio Hernando, portavoz do grupo parlamentar no Congreso, afirma que a sentenza é benévola e consecuencia directa de desobedecer o TC.
  • PP. Pablo Casado, portavoz do partido, festexa que a sentenza "pon cada quen no seu sitio" e demostra que non hai ninguén por cima da lei.

Comentarios