Xuízo pola morte nun arresto dun palestino con autismo

O falecemento por disparos da Policía israelí de Iyad al Hallak provocou intensas protestas en 2020, ao ronsel das de Black Lives Matter nos Estados Unidos tras a morte de George Floyd. Ademais, esta quinta feira un adolescente palestino perdeu a vida tras ser tiroteado na véspera durante unha manifestación.
Eyad_al-Hallaq_002
photo_camera A imaxe de Hallak nun graffiti na barreira israelí na zona de Belén (Foto: Seka Hamed / CC)

Un axente da Policía israelí foi acusado de homicidio pola morte dun palestino con autismo hai un ano en Xerusalén, segundo informou o Ministerio de Xustiza israelí. O suceso provocou intensas protestas e amplas condenas, que se replicaron no marco das mobilizacións de Black Lives Matter nos EUA pola morte de George Floyd. O Ministerio de Defensa de Israel mesmo se viu na obriga de emitir unha inusual nota de desculpa ante o aumento das protestas da cidadanía israelí e palestina.

Iyad al Hallak, de 32 anos, morreu tiroteado o 30 de maio de 2020 cando se encontraba a poucos metros da escola de educación especial onde acudía diariamente. A Policía argumentou que o perseguira porque portaba "un obxecto sospeitoso que semellaba unha pistola", e que disparou porque non atendera á orde de alto. O obxecto sospeitoso resultou ser un teléfono móbil. 

O axente que realizou os disparos e do que non se fixo público o seu nome na folla de cargos afronta unha pena de 12 anos de cárcere en caso de ser declarado culpábel. No momento da súa morte, Hallak "non estaba a soster nada nas súas mans nin a facer nada que o xustificase, mais o acusado disparou á parte superior do seu torso tomando desta maneira un risco excesivo que causaría a morte de Iyad", sinálase nas acusacións.

En declaracións á axencia Reuters, a nais de Hallak denunciou que "outros axentes estiveron implicados na súa morte". "Onde están os seus cargos?", preguntouse. 

As organizacións palestinas levan anos denunciando as tácticas e operativos das forzas de seguridade israelís en Xerusalén Leste e en Cisxordania, que acaban frecuentemente coa morte de civís inocentes.

Adolescente morto

Onte produciuse outra desas mortes en Palestina, a dun adolescente de 16 anos. De nome Ahmad Zani Bani-Shamsa, na pasada cuarta feira foi ferido de gravidade tras recibir un disparo na cabeza no marco dunha protesta na aldea de Beita, nos arredores da cidade de Nablús onde un grupo de colonos levantou recentemente un novo asentamento.

A manifestación foi convocada por residentes en varias aldeas da zona para protestar contra a construción deste asentamento provisional, onde foron instaladas 20 caravanas de cara ao establecemento dun ─outro máis─ asentamento permanente.

Comentarios