Alemaña

Xuízo en Hamburgo a un antigo garda nazi dun campo de concentración polaco

Esta quinta feira comeza o proceso xudicial contra Bruno Dey, de 93 anos, acusado de ser conxuntamente responsábel da morte de 5.230 prisioneiras e prisioneiros en Stutthof. Podería ser a derradeiro causa penal contra un responsábel do Holocausto.

SS-Totenkopfverbände
photo_camera O símbolo das SS-Totenkopfverbände ou “Unidades da caveira”

Bruno Dey, un antigo garda nazi no campo de concentración alemán de Stutthof, preto de Gdańsk, na Polonia ocupada, será xulgado a partir desta quinta feira, 17 de outubro, na cidade alemá de Hamburgo. Dey, que agora ten 93 anos, está acusado de ser conxuntamente responsábel da morte de 5.230 prisioneiras e prisioneiros, segundo informan os medios xermanos.

Esta cifra inclúe 5.000, que foron vítimas dun andazo de tifo por seren privadas de acceso a comida, auga e medicinas, así como polas condicións de insalubridade; 200, gaseadas con Zyklon B, e 30, executadas cun trebello especialmente deseñado para matar cun tiro na caluga.

No momento dos feitos, entre agosto de 1944 e abril de 1945, o acusado tiña entre 17 e 18 anos, polo que será xulgado polo Tribunal Xuvenil de Hamburgo. Nesa época, Dey entrou a formar parte da SS-Totenkopfverbände ou “Unidades da caveira”.

O primeiro día da audiencia leranse os cargos e a defensa fará unha declaración. Haberá un total de 12 audiencias, de dúas horas cada unha debido á idade avanzada do acusado, que se estenderán até o 17 de decembro. Un total de 25 superviventes de Canadá, Polonia, Lituania, Australia, Israel e EUA comparecerán no xuízo, que podería ser o derradeiro a un responsábel do Holocausto.

Comentarios