A xuíza de Mallorca non ratifica o confinamento da mocidade que deu negativo

O Xulgado do contencioso-administrativo número 3 de Palma decidiu non dar o visto bo ao confinamento forzoso da mocidade que deu negativo nas probas de detección da Covid-19 nin o daquelas persoas ás que non se lles practicaron probas.
EuropaPress_3814395_28_june_2021_spain_palma_students_stand_on_their_balconies_at_the_hotel
photo_camera O Hotel Bellver mantén confinada a mocidade afectada polo 'macrogromo' de Mallorca. (Foto: Clara Margais / Europa Press)

O Xulgado do contencioso-administrativo número 3 de Palma de Mallorca decidiu non ratificar o confinamento forzoso para unha parte da mocidade illada no hotel Bellver, a causa do “macrogromo” asociado ás viaxes de fin de curso á illa Balear.

Así, este xulgado decidiu non ratificar o confinamento das persoas que deran negativo ás probas de detección do virus practicadas, nin o daquelas mozas e mozos aos que non se lles fixeran probas.

Así, a decisión da xuíza faise sinalando que o Govern non acreditou que estas persoas sexan contactos estreitos coas mozas e mozos contaxiadas no gromo detectado e considera que non é unha medida proporcionada, ao estar a limitar un dereito fundamental.

A maxistrada apunta así mesmo que o Govern non confinou o persoal traballador dos hoteis nos que se aloxaron os estudiantes durante a viaxe.

Segundo a información achegada polo Govern ao xulgado, realizáronse 175 PCR a traballadores de hoteis, e só unha deu positivo, pero "non se confinou a ningún trabajador", remarca o auto.

"A lóxica diría que algún deles pode ser un contacto estreito, xa non coa mocidade, senón co traballador que deu positivo", argumenta a xuíza.

O que si avala a xuíza é o confinamento daquelas persoas que deran positivo nalgunha das probas de detección da Covid-19 practicadas.

Ademais requírelle ao Goberno da illa que remita ao xulgado, cada cinco días, un informe coa evolución da situación de cada unha das persoas afectadas e poder así revisar o seu confinamento.

Segundo as cifras proporcionadas na mañá da cuarta feira polo Govern, o "macrogromo" afectaría a 181 mozos e mozas illados no hotel mais a resolución é executiva, o que significa que estes alumnos e alumnas xa poden abandonar o hotel.

Outros 51 estudantes aloxados neste hotel si que deron positivo e polo tanto deben quedar confinados.

A resolución adoptada pódese recorrer, nunha apelación diante da Sala Contenciosa do Tribunal Superior de Xustiza de Baleares.

Comentarios