A xuíza avala o terceiro grao dos presos do procés

A maxistrada carga contra a Fiscalía por actuar de forma "tendenciosa" contra os presos.
Os presos políticos Jordi Cuixat e Oriol Junqueras (Imaxe: Pau Venteo / EP)
photo_camera Os presos políticos Jordi Cuixat e Oriol Junqueras (Imaxe: Pau Venteo / EP)

A xuíza de vixilancia penitenciaria número 5 de Catalunya avalou esta cuarta feira, 19 de agosto, o terceiro grao concedido aos presos políticos condenados polo Tribunal Supremo (TS) na sentenza contra o procés. No mes de xullo o mesmo xulgado suspendeu o réxime de liberdade a petición do Ministerio Fiscal.  

En diferentes resolucións relativas aos presos soberanistas Oriol Junqueras, Jordi Sànchez, Raül Romeva e Jordi Turull, a maxistrada afirma que a Administración penal acordou "correctamente" a progresión ao terceiro grao dos reos, e non considera que se acreditasen as argumentacións que motivaron a presentación do recurso por parte da Fiscalía.

Con todo, a suspensión da clasificación en terceiro grao continuará vixente "até que resolva o tribunal sentenciador en fase de apelación", que é o Tribunal Supremo español. A maxistrada sinala ademais que, de acordo coa sentenza emitida polo TS contra as e os dirixentes soberanistas, non se impuña ningunha restrición específica contra os condenados que lles impedise acceder ao terceiro grao de réxime penal, nin que estes tivesen que esperar a cumprir a metade da condena para poder gozar diso. 

Así, a maxistrada aclara que "na propia sentenza do TS non se estabelece limitación algunha, nin se efectúa a priori un prognóstico de perigo no condenado". Ademais, sinala que o TS desestimou "de forma expresa" a petición da Fiscalía de pór "límites temporais no acceso ao terceiro grao".

A xuíza carga especialmente contra a Fiscalía en relación á pretensión desta de que os presos independentistas sexan sometidos a un tratamento específico sobre o delito de sedición. Así, a maxistrada subliña a persistente intención do Ministerio Fiscal de que os condenados realicen programas e actividades que a propia xuíza considera "inadmisíbeis" por que non se expuxo nada disto a calquera outro interno do que teña coñecemento. Semella que a Fiscalía procura un "castigo exemplar", valora a xuíza, poñendo trabas permanentes ás súas saídas de prisión e ao itinerario penal normal dos penados. Isto faino a Fiscalía, di a maxistrada, sostendo principios "máis propios dun sistema  decimonónico".

A Fiscalía é "excesivamente persistente" na "negación total e absoluta" dos progresos de grao e saídas que obtiveron os presos independentistas, conclúe esta resolución que prognostica un novo xiro xudicial.

Comentarios