O xuíz da Audiencia Nacional García-Castellón rexeitou o recurso do ex ministro de Interior con Mariano Raxoi, Jorge Fernández Díaz, co que este pretendía evitar a súa citación como investigado na causa pola espionaxe ao ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, coñecida como operación Kitchen, para roubarlle material que puidese prexudicar o partido de caer en mans da xustiza. Así, a comparecencia de Díaz fica fixada para o próximo 30 de outubro.
O maxistrado mantén que existen indicios que claramente o incriminan e "non na súa mera condición de ministro no momento de materializarse a operación investigada, a pesar de que os indicios apuntan a que o Ministerio do Interior foi o centro desde o que se desenvolveu a mesma".
O falso cura
O xuíz García-Castellón decidiu suspender o interrogatorio programado a Enrique Olivares García, o falso cura que asaltou a casa de Bárcenas e secuestrou a súa familia, tras practicarlle un recoñecemento forense e comprobar que non estaba "en facultades para declarar".
O xuíz pediu pescudar a orixe do revólver utilizado polo falso cura para estudar a relación coa Kitchen e Villarejo
O falso cura foi citado ás 10 horas desta sexta feira, 16 de outubro, e tan só 40 minutos após a súa entrada foi devolto á prisión de Aranxuez, onde cumpre condena polo secuestro. O maxistrado citouno como posíbel cómplice de malversación e suborno no operativo policial organizado para espiar Bárcenas.
Entre as dilixencias, o xuíz tamén pediu pescudar a orixe do revólver utilizado polo falso cura no asalto para tentar determinar se era unha das persoas captadas pola trama Kitchen, organizada polo ex comisario en prisión José Manuel Villarejo e a cúpula policial de entón, para espiar Bárcenas con fondos públicos reservados do Ministerio de Interior.