O xuíz mantén a imputación a Cristina de Borbón e abre a vía para a xulgar

A irmá do rei Felipe VI achégase ao banquiño d@s acusad@s por un presunto delito de branqueo de capitais e cooperadora necesaria en dous delitos fiscais. 

Cristina de Borbón, a irmá de Felipe VI e Duquesa de Palma, continuará como imputada no caso Nóos após o auto emitido polo xuíz Castro. Esta cuarta feira o titular do Xulgado de Instrución nº3 de Palma deu por concluída a instrución --despois de dous anos de investigacións-- e abriu a vía para iniciar o xuízo. 

No auto, Castro mantén a imputación á irmá do actual xefe de estado por un presunto delito de branqueo de capitais e cooperadora necesaria en dous delitos fiscais. No concreto, o xuíz instrutor considera a Cristina de Borbón colaboradora de dous delitos cometidos polo seu compañeiro, Iñaki Urdangarín, con quen partillaba a titularidade da empresa Aizón e mesmo di que o seu papel foi "imprescindíbel" para que este "puider defraudar até un total de 337.138 euros nas cotas do IRPF correspondente aos anos 2007 e 2008". 

Segundo a Axencia Tributaria e a Fiscalía Aizón sería unha empresa pantalla creada co obxecto de tributar menos na declaración da renda e unha das empresas ficticias empregadas para desviar fondos públicos obtidos das Administracións por parte do instituto Nóos. 

A imputación achega a Cristina de Borbón ao banquiño mais até o momento a decisión do xuíz instrutor poderá ser recorrida pola defensa de Urdangarín e a propia irmá do rei. Porén, esta é a primeira vez que se procesa a unha integrante da Casa Real española. 

Comentarios