O xuíz imputa á vítima da malleira de dous policías en Linares por “atentado contra a autoridade”

O agredido, Carlos M.A., está acusado tamén dun delito de lesións, ao igual que o seu cuñado. Así o decidiu o maxistrado pola testemuña dos axentes e os seus danos físicos.

Jupol lamentou os xuízos "paralelos" aos axentes. (Foto: Europa Press)
photo_camera Jupol lamentou os xuízos "paralelos" aos axentes. (Foto: Europa Press)

A Xustiza vén de imputar por un posíbel delito de “atentado contra a autoridade” ao home que foi vítima de dous policías fóra de servizo en Linares. Carlos M.A., que recibiu unha malleira mentres estaba coa súa filla nunha terraza da localidade, está acusado tamén de causar lesións aos axentes.

Así o home pasa a ter un dobre papel no suceso do 12 de febreiro: é vítima mais tamén imputado. Para o maxistrado os policías foron os que causaron danos á vítima na parte final da pelexa na rúa pero tamén esta última tivo un papel determinante no comezo da lea, pois o auto sostén que “agrediu a un dos axentes” primeiro.

O responsábel de levar o caso atende, para esta imputación, ás declaracións do subinspector José Luis P.C. e do policía Manuel F.N. e ás lesións que tiñan nos seus corpos. Por iso chamou a declarar a Carlos M.A. e ao seu cuñado, que estivo presente durante todo o incidente, para ver se cometeran algunha ilegalidade.

O familiar, segundo amosan as cámaras de vixilancia do estabelecemento xunto ao que decorreu a malleira, chegou a agarrar a un dos funcionarios para que non entrara na lea entre a vítima e o outro axente, polo que tamén está acusado dun delito de “atentado contra a autoridade e lesións”.

Malia que o escrito xudicial indica que o ataque dos detidos foi con “violencia atroz” e que actuaron cun “sentimento de impunidade”, puntualiza que iso sucedeu ao final da pelexa e que ao principio foi o axente Manuel F. N. O que “leva a peor parte” dos golpes.

O subinspector culpa en todo momento ao agora acusado de comezar a disputa no interior do negocio de hostalaría sen que houbera un detonante de por medio.

O xuíz de Linares visualizou todas as imaxes aportadas para chegar a esta decisión pero tamén pediu a colaboración de especialistas para coñecer “as expresións proferidas” ao longo do suceso.

Comentarios