O xuíz imputa o ex ministro Fernández Díaz na 'Kitchen'

O ex ministro de Interior con Mariano Raxoi, Jorge Fernández Díaz, declarará como imputado na Audiencia Nacional no caso 'Kitchen', no que se investiga o desvío de fondos públicos para espiar Luis Bárcenas para roubarlle documentos, obstruír a xustiza e protexer as siglas do partido. 
A anterior secretaria xeral do PP, Dolores de Cospedal, co ex ministro Jorge Fernández Díaz.  (1)
photo_camera A anterior secretaria xeral do PP, Dolores de Cospedal, co ex ministro Jorge Fernández Díaz. (1)

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castellón acordou na sexta feira, 18 de setembro, citar como imputado, a solicitude da Fiscalía Anticorrupción, o ex ministro de Interior no Goberno de Mariano Raxoi, Jorge Fernández Díaz, no marco da denominada peza 'Kitchen' do caso 'Tándem', no que se investiga o papel da alta Administración do Estado e, en concreto do Ministerio de Interior, para costear con fondos públicos reservados a espionaxe ao ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, co obxectivo roubarlle documentos e así obstruír a investigación xudicial e protexer  o Partido Popular. 

A pesar da solicitude da Fiscalía, polo momento o maxistrado non citou a antiga secretaria xeral do PP e ex ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, nin ao seu marido, o empresario Ignacio López del Hierro.

O xuíz entende que antes de resolver sobre a citación solicitada por Anticorrupción respecto de Cospedal e Hierro imponse, á vista do avance da investigación, citar de novo Francisco Martínez, ex secretario de Estado de Seguridade con Fernández Díaz.

Martínez non quixo declarar na súa primeira citación mais manifestou agora a súa vontade de comparecer en presenza xudicial. De feito, o ex secretario rexeita as interpretacións que o colocan como líder intelectual da operación de espionaxe a Bárcenas e afirma que el soubo da trama por Fernández Díaz.

O maxistrado cita ademais como testemuñas o ex director de Comunicación de Interior, Juan José Esteban, e outras tres persoas: o sacerdote Silverio Nieto, o ex director de gabinete de Francisco Martínez, Jorge Sanchís, e Icíar Castro Álvarez.

A Fiscalía solicitou a imputación de Fernández Díaz e Cospedal por presuntos delitos de prevaricación, descubrimento e revelación de segredos e malversación de fondos públicos. Esta operación policial encuberta púxose en marcha entre 2013 e 2014 coa participación do ex comisario José Manuel Villarejo.

Comentarios