O xuíz imputa o director de La Razón por integración en organización criminal

Xornalista adscrito á caverna madrileña (aos meios satélites da liña máis ultra e españolista do PP), con currículo político ás súas costas como deputado da formación conservadora no Parlament de Catalunya e cargo de confianza de Rajoy na Administración estatal durante os primeiros gobernos Aznar, Francisco Marhuenda vai ser investigado polo xuíz por presunta coacción, intimidación e pertenza a organización criminal na chamada Operación Lezo

Marhuenda
photo_camera Marhuenda, na Sexta

Marhuenda dirixe La Razón desde 2008 e adquiriu notoriedade como tertuliano de programas televisivos, nomeadamente La Sexta, espazos en que deitou a mans cheas a súa ideoloxía retrógrada e españolista, sempre na vangarda da defensa a toda custa de Mariano Rajoy, quen foi o seu chefe político na súa pasaxe pola administración, primeiro como director do gabinete do Ministerio de Administracións Públicas, en 1996, e logo, en 2000, como director xeral de Relacións coas Cortes.

O xuíz Eloy Velasco é quen atribúe a Marhuenda a presunta comisión de delitos tan graves como a coacción, a intimidación e a pertenza a organización criminal. O instrutor da causa ten indicios para pensar que Marhuenda -en compaña doutras persoas, como o presidente da empresa editora de La Razón, Mauricio Casals- terían presionado a presidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, para que non destapase a trama de corrupción vinculada ao caso do Canal de Isabel II.

En declaracións a ElPlural.Com, Marhuenda afirma que a imputación "é unha cousa de tolos" a alega que La Razón sempre se caracterizou por "defender o PP e Cristina Cifuentes". "Eu persoalmente sempre defendín Cifuentes en todas as tertulias de radio e televisión", alegou.

A imputación da Marhuenda prodúcese no marco da Operación Lezo, un operativo xudicial que resultou esta cuarta feira no arresto do ex presidente da comunidade autónoma de Madrid, Ignacio González, e na detención tamén de Edmundo Rodríguez Sobrino, conselleiro do grupo Planeta, grupo con intereses en La Razón e tamén na canle de televisión La Sexta.

Comentarios