Xustiza

O xuíz García-Castellón arquiva o 'caso Tsunami'

O maxistrado adopta esta decisión tras coñecer o auto da Sala do Penal que invalida todas as dilixencias acordadas polo instrutor nos últimos tres anos.
Concentración para apoiar os encausados por 'Tsunami Democràtic', con presenza de dirixentes de ERC, Junts, CUP e Sumar, fronte á Cidade da Xustiza de Barcelona, o pasado 22 de maio. (Foto: Alberto Paredes / Europa Press)
photo_camera Concentración para apoiar os encausados por 'Tsunami Democràtic', con presenza de dirixentes de ERC, Junts, CUP e Sumar, fronte á Cidade da Xustiza de Barcelona, o pasado 22 de maio. (Foto: Alberto Paredes / Europa Press)

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castelló arquivou na tarde desta segunda feira a causa de 'Tsunami Democràtic' na que figuraban dez persoas investigadas, entre elas a ex secretaria xeral de ERC Marta Rovira. O maxistrado adopta esta decisión tras coñecer o auto da Sala do Penal que invalida todas as dilixencias acordadas polo instrutor nos últimos tres anos dado que o xulgado prorrogou a investigación o 30 de xullo de 2021, 24 horas fóra de prazo.

No auto, o titular do Xulgado Central de Instrución número 6 acorda tamén remitir testemuño da súa resolución, así como á Sala do Penal, á Sala Segunda do Tribunal Supremo "para a súa unión e demais efectos que procedan no seu procedemento de causa especial". Cabe lembrar que, despois de que o xuíz remitise en 2023 exposición razoada ao alto tribunal, este acordou investigar por terrorismo o ex president catalán Carles Puigdemont e mais o deputado do Parlament Ruben Wagensberg.

Fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press sinalan que García-Castellón, que se atopaba estes días de vacacións, se reincorporou ao seu xulgado esta mesma segunda feira só para os efectos de ditar esta resolución. No seu auto, o xuíz instrutor asume o criterio da Sala do Penal que sinalaba na súa resolución que atendía o recurso dunha das investigadas, Marta Molina, e que unha vez anuladas todas as dilixencias acordadas nestes últimos tres anos, e de acordo co disposto no artigo 779 da Lei de axuizamento criminal, tiña que pronunciarse contando unicamente co material existente até xullo de 2021.

O xuíz explica que este artigo recolle as distintas vías de actuación que ten o instrutor unha vez que se practicaron todas as dilixencias de investigación e que pasan neste caso por continuar o procedemento co auto de procedemento abreviado ou o sobresemento da mesma. Tamén explica que ás persoas investigadas nesta causa non se lles tomou declaración en datas anteriores ao límite temporal de xullo de 2021 que fixou a Sala do Penal, polo que procede o arquivo.

"Inequivocamente" delito de terrorismo

Para o instrutor, estas dilixencias inclúen feitos que son suscepíbeis "de maneira inequívoca" dun delito de terrorismo, pero co pronunciamento da Sala "non existen motivos suficientes" para atribuír a comisión aos investigados.

Cabe lembrar que nesta causa estaban investigados pola Audiencia Nacional a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira; o xefe de gabinete do ex president Carles Puigdemont, Josep Lluís Alay; a dirixente de ERC Marta Molina; o empresario Oriol Soler; o ex secretario de Organización de ERC Xavier Vendrell; o xornalista Jesús Rodríguez Sellés; o empresario Josep Campmajó; o considerado tesoureiro de 'Tsunami' Jaume Cabani; o dirixente de Òmnium Cultural Oleguer Serra, e o banqueiro Nicola Flavio Guilio.

Comentarios