SEN ESCLARECER AíNDA A MORTE DO FISCAL

O xuíz federal desestima a denuncia de Nisman contra Cristina Fernández Kirchner

nisman
photo_camera Alberto Nisman

A denuncia do fiscal Nisman contra a presidenta de Arxentina por pretenso encobrimento dos autores materiais do atentado contra a comunidade xudea de Bos Aires de 1994 -co saldo de 85 vítimas mortais- ficará finalmente en nada.

Morto Nisman -o corpo do fiscal apareceu deitado no baño da súa casa, o cráneo perforado por unha bala-, foi o seu relevo ao fronte da fiscalía, Gerardo Pollicita, quen deu curso á súa denuncia contra Cristina Fernández Kirchner.

Agora o xuíz federal, Daniel Rafecas, desbota a denuncia por considerar que carecía de todo fundamento. O fiscal Nisman, sobre a base de escoitas telefónicas, baseou o seu caso contra CFK na convicción de que a Casa Rosada pactara con Teherán a impunidade dos axentes iranianos supostamente autores do atentado de 1994 en troca de vantaxes comerciais para Arxentina.

"A evidencia reunida, lonxe de soster minimamente a versión fiscal, desmíntea dun xeito rotundo e lapidario, levando á conclusión da inexistencia dun delito", afirma Rafecas no seu fallo.

Argumenta o xuíz que unha das teses centrais de Nisman -que o Memorando asinado en 2013 por Bos Aires e o Goberno de Ahmadineyad resultaría na impunidade dos pretensos terroristas- se ven abaixo desde o momento en que o acordo nunca chegou a entrar en vigor ao non ter sido enviado polo presidente iraniano ao seu propio Parlamento.

O outro elemento básico dos cargos de Nisman contra Cristina Kirchner -que Asuntos Exteriores conspirou para a Interpol deixar de perseguir os axentes iranianos- tampouco se ten de pé, argumenta o xuíz, sendo que esa acusación foi categoricamente desmentida polo ex secretario xeral de Interpol, o norteamericano Ronald Noble.

A Casa Rosada sostén desde o principio do caso Nisman que toda esta historia é unha conspiración de sectores golpistas aloxados nos servizos secretos arxentinos

O xuíz entende que "non hai un só elemento de proba" que permita erguer un caso contra a líder peronista.

A Casa Rosada sostén desde o principio do caso Nisman que toda esta historia é unha conspiración de sectores golpistas aloxados nos servizos secretos arxentinos, elementos como Antonio Jaime Stiusso, purgado en decembro pasado por CFK.

Esta mesma cuarta feira, o Congreso arxentino, cos votos da maioría oficialista, deu precisamente luz verde ao proxecto de disolución da Secretaría de Intelixencia -o equivalente ao CNI español- e a súa substitución por unha nova axencia, en principio purgada de elementos que o kirchnerismo ten por golpistas.

Mentres, a incógnita da morte de Nisman -acaecida o 18 de xaneiro, na véspera da súa comparecencia ante o Congreso para dar conta da súa denuncia contra CFK- continúa sen ser despexada. A fiscal que leva o caso, Viviana Fein, declarou nun encontro coa imprensa, entre eles con Página 12, meio afín á Casa Rosada, que neste momento non traballa con "ningunha hipótese concreta". É máis, non ve que exista suficientes indicios para se inclinar neste momento por ningunha das tres hipóteses posíbeis -suicidio, asasinato ou suicidio inducido.

Viviana Fein enfatizou que nen sequera ten a seguranza de que a cena do crime -o apartamento no que moraba Nisman- fose "preservado" -isto é, non manipulado por terceiras persoas- no lapso de tempo -algo máis de 2 horas e media- que ela investiu en se presentar nel após ser informada da morte do fiscal.

Comentarios