O xuíz do Supremo decreta para Forcadell prisión eludíbel baixo fianza de 150.000 euros

O xuíz do TS non aceitou a petición da Fiscalía -prisión incondicional- e decreta prisión eludíbel baixo fianza para a presidenta do Parlament, Carme Forcadell. Se paga 150.000 euros non irá a prisión. 

forcadell
photo_camera Forcadell, á chegada do Tribunal Supremo

Lluís Corominas, Anna Simó, Lluis Guinó e Ramona Barrufet si quedan en liberdade provisional cunha fianza de 25.000 euros cada un. Teñen unha semana para a efectivizar. Mentres tanto fican libres.

Forcadell non ten ese prazo dunha semana para facer o depósito da fianza -debería en teoría facelo xa-, o que a obrigará a pasar esta noite na cadea, en concreto no centro penitenciario para mulleres de Alcalá Meco. 

Alén de pagar a fianza -que con toda probabilidade materializará esta sexta feira- Forcadell non poderá abandonar territorio español, deberá entregar o pasaporte e estará obrigada a comparecer cada semana diante dun xulgado.

Para Joan Josep Nuet (Catalunya sí que es pot) o xuíz decreta liberdade sen fianza. Cumpre ter en conta que o coordenador de Esquerra Unida i Alternativa votou na sesión parlamentar do 27 de outubro contra a tramitación da DUI.

Os cargos que se formulan contra os membros da Mesa -no auto asinado polo xuíz Pablo Llarena- son os de rebelión, sedición e malversación de fondos. Non se confirmou, por tanto, a especulación de que o maxistrado mudaría a acusación de rebelión pola de conspiración pola rebelión, de menor carga penal).

Llarena non aceitou dúas das principais demandas do fiscal. A primeira, o decreto de prisión incondicional para Forcadell, Corominas, Simó e Guinó. A segunda, a da imposición dunha multa de 6,2 millóns de euros a pagar entre os acusados so pena de executar os seus bens até alcanzar esa cantidade. Estas peticións eran xémeas as que se formularon para Junqueras e os 7 consellers na Audiencia Nacional e que si foron aceites pola xuíz Carmen Lamela.

Durante a súa declaración perante o xuíz, e segundo fontes xudiciais consultadas por NacióDigital, Forcadell e os membros da Mesa aseguraron acatar o artigo 155 -activado polo Estado o mesmo día en que o Parlament aprobó a DUI- e minimizaron o alcance da proclamación da República catalá até a considerar simplesmente como unha declaración "simbólica" ou "política" carente de efeitos xurídicos ao non ter sido publicada no diario oficial da cámara.

MÁIS INFORMACIÓN DECONTADO

Comentarios