O xuíz do caso Tándem imputa a empresa de renovábeis de Iberdrola

O xuíz Manuel García-Castellón imputa Iberdrola Renovábeis un día despois de imputar Repsol e Caixabank.
O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán.
photo_camera O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán. (Foto: Nós Diario)

Despois de imputar na quinta feira Repsol e Caixabank, o titular do Xulgado de Instrución 6 da Audiencia Nacional, Manuel García-Castellón, decidiu nesta sexta feira imputar tamén na causa a Iberdrola Renovábeis, a empresa do grupo Iberdrola que explota esta tecnoloxía.

A compañía contratou o ex comisario José Manuel Villarejo a finais de 2011, xestión que realizou o naquela altura director de Seguridade de Iberdrola, Antonio Asenjo, para investigar a empresa suíza Eólica Dobrogea, a Chrisopher Kaap -accionista maioritario- e a Corneliu Dica, apoderado.

Alianza en Romanía

O motivo da contratación de Villarejo foron os conflitos que xurdiron  coa empresa suíza, coa que Iberdrola Renovábeis se aliara para impulsar proxectos en Romanía.

Indica García-Castellón que a responsabilidade penal de Iberdrola Renovábeis está acreditada, dado que o encargo a Villarejo “se fixo en nome ou por conta da mercantil Iberdrola Renovábeis Enerxía SA e en beneficio da propia compañía”, polo que non pode ser achacada á título individual dos directivos e empregados da empresa. O presidente do Grupo Iberdrola e de Iberdrola Renovábeis xa era daquela Ignacio Sánchez Galán, con José Luis San Pedro exercendo como director xeral de Negocios. Ámbolos dous están sendo investigados.

De feito, foi a compañía quen pagou como persoa xurídica a factura emitida o 14 de febreiro de 2012 a nome de Cenyt, unha das empresas do ex comisario, por importe de 29.500 euros, por servizos de apoio e loxística de seguridade a persoal que traballaba en Romanía.

Por todo isto, García-Castellón chama a Iberdrola Renovábeis a designar un representante, avogado e procurador, advertindo que despois da comparecencia prevista tomará declaración ao representante da empresa.

"Omisións relevantes"

O xuíz salienta que Iberdrola Renovábeis cometeu “omisións relevantes na dilixencia exixíbel” que terían favorecido a comisión do delito investigado, ao non comprobar que Villarejo figuraba como funcionario en activo, condición que se estendeu até 2016, aclara o maxistrado.

De igual maneira que os xefes de Seguridade de Repsol e Caixabank, o de Iberdrola Renovábeis tamén é ex policía, co cal García-Castellón destaca que tiña que coñecer que Villarejo estaba en activo, nunha comprobación que “resulta facilmente accesíbel por calquera funcionario”.

Comentarios