A información nunca chegou aos Mossos

Un xuíz autorizou en 2005 escoitas telefónicas ao líder da célula jihadista

En 2005 o xuíz Grande Marlasca, actual presidente da Sala do Penal da Audiencia Nacional, autorizou escoitas telefónicas ao imán de RIpoll, Abdelbaki es Satty, pretenso líder da célula jihadista autora dos atentados de Barcelona e Cambrils. Fíxoo porque a policía española sospeitaba das súas relacións con membros de Al Qaeda. Esa información nunca chegou aos Mossos d'Esquadra.

Barcelona após o atentado nas Ramblas. 17 de agosto de 2017.
photo_camera As Ramblas, após o atentado

Segundo publica esta sexta feira o ABC, en 2005 xa existían indicios do envolvimento de Abdelbaki es Satty en actividades terroristas. De feito nese ano o xuíz Grande Marlaska deu autorización á Policía española para que pinchase as súas comunicacións telefónicas.

Abdelbaki es Satty tería tido contactos con organizacións vinculadas a Al Qaeda como Ansar al Islam ou o Grupo Islámico Combatente Marroquino, este último responsábel dos atentados de Madrid de 11 de marzo de 2004. A policía española sospeitaba que es Satty traballaba para a rede jihadista dando cobertura a terroristas.

Segundo o auto xudicial, as tarefas de Es Satty eran as de "actuar como intermediario á hora de dar soporte loxístico para as redes terroristas, manter contactos con cidadáns árabes que se dedican á falsificación de documentación no ámbito da delincuencia común, co obxectivo de dar cobertura á saída de elementos terroristas por territorio español e europeu".

Esta información non chegou aos Mossos d'Esquadra -a policía catalá non coñecía o perfil jihadista de Es Satty, só os seus antecedentes penais como traficante de drogas- nen tampouco ao xuíz de Castellón que en marzo de 2015 anulou a orde de expulsión do Estado que pesaba sobre o imán.

Comentarios