Xi Jinping rende tributo a Marx no seu 200 aniversario

Un acto solemne no Grande Palacio do Pobo. Unha efixie xigante de Marx a presidir o cenario, xusto onde habitualmente se pendura a fouce e o martelo. A China de Xi Jinping -o líder que aspira a se colocar á altura histórica de Mao Zedong e Deng Xiaoping- reafirmou esta fin de semana a súa aposta no marxismo como guieiro ideolóxico. 

PCCH 200 aniversario de Marx
photo_camera Acto tributo ao bicentenario de Marx no Palacio do Pobo de Beijing

Ningún dirixente desde Mao -nen Deng nen Jiang Zemin nen Hu Jintao- rendeu tanto culto a Marx como Xi Jinping. Faino, alén do máis, nun momento delicado para o país, con cifras de crecimento inferiores aos dous díxitos -por debaixo por tanto do promedio dos anos dez deste século- e cun confronto comercial aberto cos EUA de Donald Trump. Non poucos analistas ven na procura do referente marxista un intento de Xi Jinping de repolitizar o partido -o maior do mundo, con 80 millóns de militantes- e de manter o apoio da populación, nomeadamente entre os sectores populares, os máis sensíbeis ás proclamas socialistas con arrecendo maoísta.

En todo caso, non é nada irrelevante que o líder da segunda economía do planeta por tamaño de PIB -se falamos en termos de renda nacional per cápita, China continúa a ser un país en vías desenvolvimento- dedique un discurso de hora e media a gabar a figura do autor de Das Kapital. "China continuará a esgrimir o estandarte do marxismo (...) Marx é o mestre da revolución para o proletariado e a clase traballadoras de todo o mundo (...) o explorador do comunismo internacional e o pensador máis brillante dos tempos modernos", dixo na súa alocución o líder chinés.

O actual núcleo de dirección do PCCH voltou a pór en circulación as obras de Marx e Xi Jinping non perde ocasión de recomendar aos cadros do partido e do estado que lean as obras do fundador do chamado socialismo científico.

A respeito das contradicións que existen entre o culto ao marxismo como aparato científico e a evidencia de que na China hai neste momento relacións sociais de produción capitalistas -embora as socialistas continúan a ser hexemónicas, co estado a controlar os sectores estratéxicos da economía-, o discurso oficial de Beijing é que no vello imperio do centro se está aínda na fase inicial de construción do socialismo e que nese período non sempre é doado que a teoría se corresponda coa práctica.

Sexa como for, o retorno simbólico de Marx a China é xa un feito indiscutíbel e indica a vontade da dirixencia comunista de pasar a páxina do pragmatismo denguiano ("gato branco, gato negro, tanto ten, o importante é que cace ratos") e de reformular un certo retorno ás orixes dun partido que fará o seu centenario en 2021.
 

Comentarios