xoves 16.07.2020

Xi Jinping promulga a nova lei de seguridade nacional para Hong Kong

Países occidentais e ONG, a maioría financiadas polo Reino Unido e polos EUA, cren que a China estreita cada vez máis o cerco sobre Hong Kong.
O presidente chinés, Xi Jinping (Europa Press / Xinhua)
O presidente chinés, Xi Jinping (Europa Press / Xinhua)

O presidente da China, Xi Jinping, promulgou onte a lei de seguridade nacional para Hong Kong, horas despois de que ser aprobada por unanimidade no Parlamento. Fóra do país, especialmente desde os EUA e desde a UE, a decisión recibiu críticas. Consideran que a decisión acabará co status especial da ex colonia británica.

Xi asinou o decreto presidencial 49, polo cal promulga a Lei da República Popular da China sobre o Mantemento da Seguridade Nacional en Hong Kong, que perseguirá todas as actividades consideradas como "secesión", "subversión" ou "terrorismo", segundo informou a axencia de noticias Xinhua.

A nova norma foi incorporada á Lei Básica de Hong Kong, considerada o texto constitucional do territorio, polo que se trata dun cambio profundo que podería afectar o principio 'un país, dous sistemas' que resume o encaixe da rexión no xigante asiático.

Este principio acuñouse coa devolución de Hong Kong á China por parte do Reino Unido en 1997 e implica a garantía de que as autoridades de Beijing respectarán o réxime do que gozaron os hongkoneses baixo o dominio británico. O Goberno chinés, polo seu lado, considera que é parte do seu territorio e que pode exercer a soberanía.

"Consecuencias negativas"

Países occidentais e ONG, a maioría financiadas polo Reino Unido e polos EUA, cren que a China estreita cada vez máis o cerco sobre Hong Kong. O ano pasado, o Goberno hongkonés de Carrie Lam xa intentou aprobar unha lei de extradición á China continental á que finalmente tivo que renunciar polas fortes protestas, que se mantiveron de forma intermitente no último ano.

A UE rexeitou onte a aprobación da norma, asegurando que mina a autonomía do territorio e dixo que a medida terá "consecuencias negativas" para China.

comentarios