Xi Jinping chama a reforzar o estudo do marxismo nas universidades chinesas

Nun momento delicado para a economía -cun PIB a medrar nas taxas máis baixas das últimas décadas-, o secretario xeral do Partido Comunista de China e presidente do país, Xi Jinping, apela aos alicerces ideolóxicos da formación. En xullo pasado, chamou os 88 membros do PCCH a non "traizoar ou abandonar o marxismo".

XI Jinping
photo_camera Xi Jinping

O crecimento do PIB abandonou hai tempo os dous díxitos -Beijing calcula para este 2016 un incremento na contorna do 6,7 por cento-, mais non decrecen as desigualdades sociais produto da introdución das reformas pro-mercado que apadriñou Deng Xiaoping desde principios dos anos 80 do pasado século. A combinación destes dous factores xera unha enorme tensión no país e alimenta a desafección de amplos sectores sociais. Non significa isto que haxa hipóteses de que se forme unha oposición organizada no curto prazo, mais o Partido Comunista é consciente de que o combate contra a brutal disparidade na distribución da riqueza -e a loita contra a corrupción- é a chave para non perder lexitimidade social.

A diferenza dos seus predecesores Hu Jintao e Jiang Zemin, Xi Jinping si fala, e moito, de ideoloxía, mesmo con chiscadelas a certos aspectos das políticas igualitaristas de Mao, evocadas con saudade polos sectores populares da sociedade chinesa.

Así, o pasado mes de xullo, nun discurso pronunciado durante os actos de celebración do 95 aniversario da fundación do partido, Jinping pediu aos 88 millóns de membros da formación non "traizoar ou abandonar o marxismo", nunha declaración de tintes dramáticos que puña ao nú o intenso debate que se debe estar a librar no seo do partido.

"O partido inteiro debe lembrar que o que estamos a construír é o socialismo con características chinesas, non ningún outro ismo"

"O partido inteiro debe lembrar que o que estamos a construír é o socialismo con características chinesas, non ningún outro ismo", dixo Xi Jinping nese acto, unha retórica á anos luz da empregue no seu día por Jiang Zemin, líder da ala máis pro-mercado do partido, adaíl da Teoría das Tres Representacións en virtude da cal se abriron as portas do Partido Comunista Chinés a propietarios de empresas privadas, isto é, a capitalistas.

Esta pasada sexta feira, o líder chinés -durante un encontro de dous días decorrido en Beijing sobre o traballo político e ideolóxico nas universidades- vinculou a mellora da calidade do ensino superior co reforzo do estudo do marxismo.

"A educación superior debe ser guiada polo marxismo e as políticas do partido en educación deben ser implementadas", dixo.

Profesores de Economía críticos advirten que a occidentalización do pensamento económico foi unha das razóns do colapso da Unión Soviética"

O apelo de Jinping chega despois de que o pasado mes de maio un elenco de economistas chineses -liderados por Xu Xingya, profesor da Universidade de Henan- dirixise un escrito ao Ministerio de Educación para aumentar as asignaturas de marxismo nas universidades e institutos de economía do país.

Estes expertos aseguran que no currículo universitario a economía marxista apenas representa un terzo dos contidos baseados en autores occidentais de tendencia liberal. Advirten na súa misiva que "a occidentalización do pensamento económico foi unha das razóns do colapso da Unión Soviética".

Mentres tanto, e como pano de fundo a este debate político-ideolóxico, Beijing continúa a aplicar políticas expansivas para tentar insuflar oxíxeno á economía (no país coexisten empresas estatais, aínda maioritarias nos sectores estratéxicos, e compañías privadas, entre elas grandes corporacións multinacionais). Destarte, neste 2016 os investimentos das empresas estatais aumentaron un 21,1 por cento a respeito de 2015, en tanto que o sector privado apenas incrementou a súa achega nun 2,5 por cento.

Comentarios