Xestación subrogada: falta de regulación internacional e explotación de carencias

Práctica en aumento no mundo que abre a porta a abusos ás mulleres xestantes e ás crianzas.
embarazo_UNICEF_Rahani Kaur
photo_camera Unha muller prepárase para dar a luz nun hospital de Calcuta, na India, país que recentemente restrinxiu a xestación subrogada (Foto: Rahani Kaur / Unicef)

"Unha forma de explotar as mulleres e de estimular a trata de nenos"; "unha clara humillación á dignidade das mulleres", que "non o fan gratis ou por entusiasmo"; un procedemento que se aproveita da "vulnerabilidade social e da pobreza". 

Son palabras de Cirilo I, patriarca da Igrexa Ortodoxa de Rusia, un país onde a xestación subrogada é totalmente legal. Como en Ucraína ou Xeorxia, países onde os niveis de pobreza empuxan algunhas mulleres a saciar unha demanda en aumento. 

Tamén a ONU, nun informe presentado no Consello de Dereitos Humanos en marzo de 2018, alertaba desta práctica salientando un punto importante: "Ter fillos non é un dereito que estea recollido no dereito internacional".

Centrado na protección das crianzas e dos seus dereitos, o informe elaborado pola entón Relatora Especial da ONU sobre Venda e Explotación sexual das crianzas , Maud de Boer-Buquicchio (2014-2020), subliñaba que "a xestación subrogada con fins comerciais, tal e como se practica na actualidade nalgúns países, habitualmente equivale a unha venda de crianzas"

Ucraína e Estados Unidos

É o caso de Ucraína, país ao que recorren moitas mulleres que queren ser nais pola ausencia dun marco normativo rexo neste país e os prezos máis económicos. A agresión militar do Goberno do presidente ruso, Vladimir Putin, puxo ademais de manifesto como nalgúns casos fica nun papel secundario o benestar das mulleres que recibiron un diñeiro por dar a luz, centrándose o foco na nai receptora. 

Mais é Estados Unidos o país do mundo onde máis mulleres recorren a este procedemento. A diferenza de Ucraína, o país norteamericano si que conta con regulación e está aberto a persoas non heterosexuais. Son unha trintena de Estados estadounidenses onde a subrogación é legal; noutros como Michigan está criminalizado.

Calcúlase que en Ucraína nacen entre 2.000 e 2.500 bebés dos chamados "ventres de alugueiro" nas 33 clínicas privadas do país. O desembolso das familias que deciden comprar un bebé en Ucraína pode chegar aos 40.000 euros ─dos que a nai de alugueiro recibe uns 12.000─ mentres nos Estados Unidos abeira os 100.000.  

Posta en común 

Maud de Boer-Buquicchio presentou na 74ª Asemblea Xeral da ONU, en setembro de 2019, un novo informe elaborado en base ao de marzo de 2018 e que se nutría das achegas acerca da materia por parte de 25 países e dunha trintena de organizacións da sociedade civil.

Malia haber "poucas estatísticas oficiais", a relatora admitía que a subrogación "é unha práctica reprodutiva en aumento" e que "ofrece oportunidades para formar unha familia a aquelas persoas que doutra maneira non poden". Situación que presenta "novos retos éticos e legais", principalmente a respecto da vulnerabilidade dos dereitos das crianzas nacidas deste proceso pola ausencia dun marco legal nacional e internacional. 

É neste punto último que incidía De Boer-Buquicchio, para evitar que "os intereses comerciais" que caracterizan toda industria primen sobre a protección dos menores. E tamén manifestaba unha dobre preocupación exposta por ONG e organismos públicos: os "desequilibrios de poder" que se poden dar ante a práctica crecente de buscar en países non desenvolvidos os ventres de alugueiro (é dicir, aproveitarse da necesidade); e o perigo de que un veto á xestación subrogada "poida ser discriminatoria ou socave a autonomía das mulleres para tomar decisións sobre os seus corpos".

Subrogación "altruísta"

Na UE, é legal en Polonia. En Alemaña, Francia ou Italia prohíbese toda forma de xestación subrogada. En Bélxica, Dinamarca ou Irlanda permítese sempre e cando a nai non reciba diñeiro alén dos gastos razoábeis e en Portugal, a mulleres sen útero ou cunha lesión ou situación clínica que impida o embarazo. É a chamada "subrogación altruísta", que a ONU tamén cuestiona xa que pode dar pé a pagos en negro. 

A nivel internacional, países como Tailandia ou a India, populares destinos durante anos, acabaron por restrinxilo a nacionais para evitar o fomento da subrogación a parellas estranxeiras con fins comerciais. 

Comentarios