Xacobinismo francés en tempos de Covid

R&PS, a federación de partidos políticos autonomistas e nacionalistas do Estado francés, organiza esta fin de semana a 25ª edición da súa universidade de verán, un ciclo de relatorios e debates co federalismo en Francia como pano de fondo. Este ano, a xestión da pandemia de coronavirus será un dos temas sobre os que xire a conversa.
r&ps_2020
photo_camera O presidente de R&PS, Pèire Costa ­–no centro–, acompañado de militantes da UDB, en An Oriant (lepeuplebreton.bzh)

A visión centralista da Administración en Francia, herdeira da concepción do xacobinismo histórico que na época da Revolución (1789-1799) defendía un Estado forte e unha única nación indivisíbel, continúa a marcar a política francesa. Aquela dinámica, que procuraba acabar co caciquismo dos poderes locais, fixo tabula rasa e acabou por fagocitar e diluír nacións, linguas e culturas dentro da nación, lingua e cultura única recoñecida: a francesa. 

Deixando á marxe o aspecto identitario, na práctica supón que na actualidade as rexións en que se divide o Estado francés conten con competencias de autogoberno reducidas en comparación con outros Estados da UE como Alemaña, España ou o Reino Unido. Son divisións concibidas desde París cara á periferia, desde arriba cara a abaixo, deseñadas como unha simple descentralización administrativa da xestión de recursos.

Aínda que si teñen capacidade regulamentaria e de xestión en temas como a ordenación do territorio ou o desenvolvemento económico, a principal característica das rexións en Francia é que carecen de autonomía lexislativa. Esta circunstancia déixaas sen ferramentas á hora de ofrecer solucións á cidadanía e fican á mercé da iniciativa de París, que bloquea continuamente tanto desde a esquerda como desde a dereita calquera mínimo avance no autogoberno en aras da unidade do Estado.

Xestión sanitaria

O exemplo máis evidente estase a dar coa actual pandemia de coronavirus. Desde a Organización Mundial da Saúde recomendan que a xestión sanitaria se faga a nivel rexional. Isto acontece cos países constituíntes do Reino Unido, coas comunidades autónomas de España e cos länder de Alemaña, mais non así coas 13 rexións en que se divide a Francia metropolitana. 

Esta cuestión en concreto será unha das que marque os debates na universidade de verán que anualmente organiza a federación Rexións e Pobos Solidarios (R&PS, Régions & peuples solidaires, en francés). Desde mañá até o domingo, o Palais des Congrès da cidade bretoa de An Oriant (Lorient) acollerá a 25ª edición deste ciclo de conferencias, que nesta ocasión leva por lema "Autonomía e interdependencia".

R&PS é unha federación de partidos políticos autonomistas e nacionalistas do Estado francés. Entre os seus principios fundacionais, de novembro de 1994, están "combater o centralismo parisiense" e "promover en Francia e Europa o federalismo de base rexional ou comunitaria baixo os principios de autonomía, cooperación e solidariedade".

Os territorios representados son Alsacia, Bretaña, Catalunya Norte, Córsega, Iparralde, Mosela, Occitania, Savoia e Tamazgha (este último, fai referencia ao territorio histórico bérber na África noroccidental). E entre outras formacións políticas, fan parte de R&SP a Union Démocratique Bretonne (UDB), Esquerra Republicana de Catalunya, Femu a Corsica, Eusko Alkartasuna ou o Congreso Mundial Amazigh.

R&PS conta con seis representantes electos a nivel estatal, na Asemblea Nacional francesa, ademais do eurodeputado François Alfonsi, que fai parte do grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea (ALE). 

A ALE e a UDB colaboran con R&PS na organización desta universidade de verán, onde tamén estará presente nas conversas a vindeira cita electoral: en marzo do ano que vén están previstos os comicios rexionais e departamentais en Francia.

Carencias do centralismo

O presidente da federación R&PS, Pèire Costa, manifestou en declaracións ao periódico bretón Le Télégramme que o tema dos coloquios desta edición "foi escollido en resposta á actualidade sanitaria", salientando "as carencias do Estado cando non ten en conta os representantes electos locais".

Por exemplo, dixo, coa cuestión das máscaras. O Goberno francés autorizou o 31 de xullo aos prefectos (delegados gobernamentais) a decretaren o seu uso obrigatorio nos espazos públicos abertos cando as circunstancias locais así o exixan. Porén, ante a rápida evolución da pandemia moitos prefectos decidiron tomar a medida sen agardaren pola luz verde de París. 

"Podemos ver que existe un vínculo de causa e efecto entre o xacobinismo e a efectividade de certas medidas ", apuntou Costa.

Comentarios