Women's Boat to Gaza, a IV Flotilla da Liberdade

A coligazón internacional prepara a nova campaña coa que tentarán rachar o bloqueo sionista imposto na Faixa de Gaza e que estará tripulada unicamente por mulleres.

Women's Boat To Gaza
photo_camera Women's Boat To Gaza [Imaxe Atiyyah Mohamed]

A IV Flotilla da Liberdade será presentada o 8 de marzo. Coincidindo co Día Internacional das Mulleres a coligazón internacional dará a coñecer o Women's Boat to Gaza, unha embarcación tripulada unicamente por mulleres que tentará rachar o bloqueo que o Estado de Israel mantén sobre a Faixa de Gaza enviando "unha mensaxe de esperanza ao pobo palestiniano", sinalan desde a Flotilla da Liberdade. 

O obxectivo de Freedom Flotilla é rachar o bloqueo, amosar a solidariedade internacional con Palestina e pór en valor o papel das mulleres na loita popular

Con esta iniciativa, que sitúa no centro da reivindicación ás mulleres, Freedom Flotilla quere recoñecer "as innegábeis aportacións e o indomábel espírito das mulleres palestinianas que son centrais na loita en Gaza, Cisxordania, dentro da Liña Verde e na diáspora", explica nunha entrevista publicada en Nena News a activista Wendy Goldsmith, integrante do comité canadense de Boat to Gaza. 

Solidariedade 

Neste senso, acrecenta Wendy Goldsmith, Women's Boat to Gaza, o obxectivo da campaña é tamén amosar a "solidariedade" internacional co pobo palestiniano através do "apoio das mulleres, dos homes, das organizacións non gobernamentais, grupos da sociedade civil" e dos eventos que terán lugar no marco da propia campaña "por todo o mundo". 

A autora do deseño que servirá de imaxe para a IV Flotilla é da activista sudafricana Atiyyah Mohamed

O logotipo elixido para representar a cuarta edición da campaña internacional foi o resultado dun concurso no que participaron profesionais do deseño de todo o mundo. Finalmente foi seleccionada a proposta da activista sudafricana, Atiyyah Mohamed. A decisión respondeu á "claridade" coa que entenden recolleu o espírito do Women's Boat to Gaza. 

Cumpre lembrar que o pasado ano, a eurodeputada galega Ana Miranda, fixo parte da III Flotilla da Liberdade que foi interceptada e abordada polo exercito israelita a poucas millas do litoral gazatí. A tripulación, incluída a propia parlamentar do BNG, foi detida e trasladada a unha prisión do Estado de Israel desde onde foron [email protected] aos seus respectivos territorios de orixe. 
 

comentarios