Wikileaks revela como a CIA utiliza o teu smartphone e a túa TV para espiarte

Ao descuberto a manchea de códigos que permiten o acceso a aparellos como os Iphone (Apple) ou aos sistemas operativos Android (Google) ou Windows (Microsoft) ou aos micrófones das smart tv de Samsung. Toneladas de información -por volta de 8.000 páxinas- foron reveladas esta terza feira por Wikileaks. A CIA, máis espida que nunca.

Julian Assange
photo_camera Julian Assange

Wikileaks comezou a publicar esta terza feira o que apresentou como o "arsenal de espionaxe informática da CIA", as ferramentas que o servizo de intelixencia norteamericano utiliza para virtualmente espiar o resto do planeta.

A información é solvente?

Segundo unha fonte moi fidedigna, un antigo cargo en Langley (a sede da CIA) consultado por The New York Times, si que o é.

Como cabía agardar, a CIA non fixo nengún comentario a estas novas relevacións da Wikileaks, a plataforma de ciber-xornalismo de investigación que dirixe desde a embaixada de Ecuador en Londres Julian Assange.

Na primeira toma do material filtrado, Wikileaks disponibiliza 8.000 páxinas de información e máis de 900 anexos.

Desencriptar as mensaxes de Whatsapp

Coas ferramentas informáticas coas que conta a CIA -e que fican agora ao descuberto- a axencia de espionaxe pode tamén anular os sistemas de encriptación de plataformas de mensaxes como WhatsApp, Signal ou Telegram.

Assange está no albo da CIA pola súa pretensa colaboración con Moscova no hackeo das eleccións estadunidenses, cargo que o ciber-xornalista australiano desmente taxativamente.

Wikileaks alega que pon todo ese material a disposición do público para abrir un debate sobre se "as capacidades de espionaxe" da CIA van alén  "dos poderes que lle son mandatados".

As revelacións de Assange saen á tona nun momento marcado polo confronto entre Donald Trump e as distintas axencias de intelixencia ou policiais do país (o FBI recentemente cuestionou a acusación lanzada polo titular da Casa Branca sobre o suposto hackeo da Trump Tower que Barack Obama tería ordenado durante a precampaña eleitoral).

Comentarios