Wikileaks anuncia un 2017 aínda con máis filtracións que 2016

Julian Assange e a súa equipa saben dosificar as emocións. 2016 foi un grande ano para Wikileaks, de indiscutíbel protagonismo global. A plataforma anuncia un 2017 aínda máis carregado de revelacións.

Julian Assange
photo_camera Julian Assange

En 2016 Wikileaks divulgou un total de 50 mil correios electrónicos hackeados directamente das contas de John Podesta, o chefe da campaña de Hillary Clinton. Do seu contido deducíase que a demócrata mantiña unha moi boa relación coa financeira Goldman Sachs. Puro veneno para as súas opcións eleitorais, lastradas desde o principio pola súa reputación de representante do establishment de Washington.

Houbo máis. 27.000 emails provenientes das contas do Comité Nacional do Partido Demócrata que demostraban que o aparato da formación, lonxe de manter a imparcialidade debida durante as primarias, traballara descaradamente a prol dos intereses de Clinton e contra os de Bernie Sanders, o candidato máis á esquerda.

O contra-ataque do staff demócrata non se fixo esperar: naturalmente Assange e Wikileaks foron retratados como axentes ao servizo de Moscova, elementos estrela da teoría conspiranoica segundo a cal Trump viña sendo pouco menos que un pión de Vladimir Putin no taboleiro da política norteamericana.

Eleccións á marxe, en 2016 Wikileaks filtrou tamén documentos sensíbeis sobre as negociacións de acordos de libre comercio como o TTIP (entre a UE e os EUA) e o TISA, ben como material sobre a participación norteamericana na guerra do Iemen.

Pois ben, abróchense os cintos: a plataforma de Assange dixo esta segunda feira que se pensastes que 2016 foi un bon ano para Wikileaks, 2017 aínda o será moito máis, tanto que nos fará voar (to blow away), dito metaforicamente através dun expresivo chío en twitter.

E para mostrar que o líder da plataforma está en forma -Assange vive unha sorte de exilio-secuestro entre os muros da embaixada de Ecuador en Londres- o fundador de Wikileaks vaise submeter a un interrogatorio internético AMA (siglas de Ask Me Anything, pergúntame o que che pete), esta quinta feira apartir das 15 horas. Non só mostrará que está en forma, senón tamén vivo, a acalar os rumores de que o activista primeiro fora extraditado aos EUA -após Ecuador terlle cortado o acceso á rede- e que logo falecera en misteriosas circunstancias.

Comentarios