Wert di agora que a súa ansia en "españolizar os nenos cataláns" era "unha figura retórica"

Figura retórica que, en todo caso, viña a significar "conseguir que o alumnado catalán se sinta tan orgulloso da súa identidade catalana como da súa identidade española", tal e como explicou o ministro de Educación, quen loou a política lingüística da Galiza por ter conseguido "a convivencia entre linguas". Aliás, negou terse "dobrado" perante os desexos da Conferencia episcopal

photo_camera [Imaxe: Cadena Ser]


O estudantado da Galiza non hai que o "españolizar" porque aquí a Xunta de Galiza xa se encargou de por en marcha unha norma "que garante a convivencia entre as dúas linguas e permite rematar a ensinanza obrigatoria con competencias tamén en castelán".

Unha situación semellante dase en Euskal Herría, segundo explicou esta segunda feira o ministro de Educación, José Ignacio Wert, nunha entrevista concedida á Cadena Ser en que explicou que aquel "interese" manifestado a respeito de "españolizar nenos cataláns" non foi máis que "unha figura retórica" que non se entendeu. O que quería dicir Wert é que a súa lei educativa, a LOMCE, persegue o obxectivo de que o alumnado de Catalunya se sinta "tan orgulloso da súa identidade catalana como da súa identidade española". Españolizar, vaia. 

Para alén de destacar o que para el son as virtudes da contrarreforma empregando conceptos como "competencia", "rendemento" e "esforzo" até o punto de sinalar que as avaliacións incorporadas ao final de cada etapa educativa "non son reválidas porque non son un test de coñecementos senón de competencias", dixo que a obriga de escoller un itinerario formativo aos 15 anos pretende ser "un camiño eficaz" con que "rescatar" aquel alumnado que ao chegar a esta idade abandona os estudos ao non querer seguir coa ESO, no canto de escoller unha formación profesional.

"Tampouco é obrigatorio abortar e vostedes van reformar a lei do aborto"

O momento álxido da entrevista foi cando Wert se empeñou en defender a presenza da relixión no ensino público como materia computábel para pasar de curso ou para optar a unha bolsa de estudos. "É unha materia opcional, a ninguén se lle obriga a estudala", dixo, ao que a xornalista replicou: "tampouco é obrigatorio abortar e vostedes van reformar a lei do aborto".

O ministro saíu por onde puido e dixo que "eu xa teño bastante co que teño". Negou calquera presión ou trato de favor á Conferencia episcopal con esta promoción da relixión católica que se fará nas aulas: "non me dobreguei, só recollin achegas que me fixeron e o acordo coa Santa Sé", apuntou.

Defendeu tamén o financiamento público dos centros privados-concertados que segregan o alumnado por sexo ("esa que vostede chama segregada mais que o correcto é chamarlle diferenciada", espetou, querendo corrixir á xornalista) e deixou entrever que non existe aínda un plan definido para impartir as aulas da alternativa á relixión, Valores culturais e sociais na primaria e Valores éticos en secundaria e bacharelato: "en primaria impartirana os mestres e na secundaria hai un amplo abano de profesionais que poderían facelo". 

Sen responder á pregunta inicial que lle foi lanzada, a motivación que levou ao Goberno español a mudar a lei educativa vixente, Wert despediuse informando de que "teño que ir inaugurar un centro de formación profesional". 

Comentarios