Un novo Vietnam

O 'Washington Post' desvela que o Goberno dos EUA "non sabía o que facía" en Afganistán

Os Papeis do Pentágono, publicados primeiro polo New York Times en 1971, revelaron que o Goberno de Lyndon B. Johnson mentira sobre a actuación dos EUA na Guerra de Vietnam. Agora é o Post quen saca á luz que a Casa Branca vén mentindo desde 2001 sobre o seu rol na aínda activa Guerra afgá. Unha información posíbel grazas á Freedom of Information Act, a lei de acceso á información que rexe nos EUA e da que carece a nosa lexislación.
EuropaPress_2458151_Un_coche_quemado_tras_un_ataque_en_la_provincia_afgana_de_Jost
photo_camera A segunda fase da intervención militar dos EUA en Afganistán deu comezo en 2015, nunha guerra que dura xa 18 anos [Europa Press]

"Que estamos intentando facer aquí? Non tiñamos nin idea de onde nos metiamos (...) Se o pobo americano soubese da magnitude destas disfuncionalidades, 2.400 vidas perdidas (en referencia ás baixas estadounidenses)...", reflexiona Douglas Lute, un xeneral de tres estrelas destinado en Afganistán polos Gobernos de George W. Bush e de Barack Obama

O extracto é parte dunha das máis de 600 entrevistas internas recollidas nas máis de dous mil páxinas de documentos publicados por The Washington Post esta semana e que revelan até que punto os distintos Executivos dos EUA mentiron ou, canto menos, edulcoraron a realidade da Guerra de Afganistán.

Noutro testemuño, o xeneral Michael Flynn, que serviu como conselleiro de seguridade nacional do actual presidente estadounidense, Donald Trump, afirma que "basicamente estamos a loitar da maneira equivocada. Non estamos aquí realmente para gañar". 

Flynn considera que o "optimismo" nas valoracións dos xefes de operacións e dos responsábeis dos Departamentos de Estado "batían coa contundencia dos informes de intelixencia", unha actitude que apón aos "intereses políticos" e á "falla de valentía para dicir a verdade".

Resposta ao 11-S

A intervención armada dos EUA en Afganistán deu inicio en 2001. Foi a resposta do daquela presidente, George W. Bush, aos ataques que o país sufriu o 11 de setembro dese ano levados a cabo con avións comerciais secuestrados. A Administración Bush culpou Osama bin Laden de ser o artífice dese ataques e os talibán, o movemento que gobernaba entón e desde 1996 Afganistán, de lle dar acubillo.

11S

O Pentágono -o Departamento de Defensa estadounidense- emitiu un comunicado á última hora da segunda feira en resposta á información publicada esa mesma mañá polo Washington Post. Na nota afirma que en ningún momento houbo intención de enganar o Congreso ou a cidadanía, e que as entrevistas se realizaron coa intención de revisar a estratexia e procurar un acordo negociado. 

O Pentágono "ten moi claro que esta guerra non finalizará no campo de batalla, sinalou o tenente coronel Thomas Campbell, un dos portavoces do Departamento de Defensa.

Fracaso desde o inicio

As entrevistas comezaron en 2014 para o informe Leccións aprendidas, encargado polo Sigar, a autoridade estadounidense encargada da "reconstrución de Afganistán". Das máis de 600 testemuñas recollidas, o Washington Post tivo acceso a 428 e mostran que os oficiais coinciden en criticar practicamente todos os aspectos da intervención dos EUA, desde a invasión inicial ao fracaso á hora de pór fin á corrupción e ao narcotráfico no país. 

Ademais, cuestiónase a actuación diplomática da Casa Branca por ser incapaces, din, de impedir que o Paquistán prestase axuda ao Goberno talibán.

Freedom of Information Act

A información publicada polo Washington Post foi posíbel grazas á Freedom of Information Act, a lei de acceso á información que rexe nos Estados Unidos. A mesma norma que permitiu desclasificar e publicar en xuño de 2011 os Papeis do Pentágono sobre a Guerra de Vietnam (que revelou primeiro en 1971 o New York Times e continuou a desvelar despois o Post). 

Desde a Galiza, Esculca participa en iniciativas globais como freedomofinfo.org para conseguir que o dereito de acceso á información entre tamén na nosa lexislación. A nivel estatal, a organización Acces Info denunciou onte ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU -coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos- as violacións do dereito de acceso á información por parte do Estado español.

Entre outras reclamacións, as organizacións polos dereitos civís solicitan que se simplifique o proceso de solicitude da información e que se aplique tamén aos Poderes lexislativo e xudicial.

Comentarios