mércores 12/08/20

Washington comeza a saída do Tratado de Ceos Abertos

O Goberno de Rusia seguirá cumprindo o Tratado de Ceos Abertos mentres "continúe en vigor", a pesar do anuncio dos Estados Unidos de abandono do acordo en resposta aos supostos incumprimientos por parte das autoridades de Moscova,
O acordo foi negociado hai tres décadas polas dúas potencias (wikimedia.commons.org)
O acordo foi negociado hai tres décadas polas dúas potencias (wikimedia.commons.org)

O Goberno de Rusia seguirá cumprindo o Tratado de Ceos Abertos mentres "continúe en vigor", a pesar do anuncio dos Estados Unidos de abandono do acordo en resposta aos supostos incumprimientos por parte das autoridades de Moscova, segundo informou onte o viceministro de Asuntos Exteriores ruso, Alexander Grushko.

"Debemos aplicar un enfoque pragmático. Mentres o Tratado continúe en vigor, temos a intención de respectar todos os dereitos e as obrigas derivadas", afirmou o viceministro ruso, en declaracións á axencia de noticias rusa Sputnik.

Grushko manifestou a confianza en que outros países sigan a mesma liña de actuación que Rusia: "Partimos de que as demais nacións actuarán da mesma maneira, cumprindo de boa fe os seus compromisos".

Esta mensaxe chega horas despois de que o Goberno dos Estados Unidos anunciase que onte iniciaría o proceso para a retirada do Tratado de Ceos Abertos, co argumento de que Rusia non permite determinados voos de observación.

O tratado, do que forman parte tamén aliados clave da UE e da OTAN, permite que os Estados membros realicen voos de observación ─con aeronaves desarmadas─ co obxectivo de obter información de primeira man sobre as actividades militares sospeitosas doutros países, en aras da transparencia e da confianza mutua.

O acordo foi negociado hai tres décadas e segundo Washing-

ton as forzas rusas estanse a aproveitar del para obter información sobre infraestruturas estadounidenses chave. Non obstante, o Departamento de Defensa dixo que "explorará opcións" para proporcionar "imaxes adicionais" aos seus aliados para mitigar os eventuais efectos que poidan resultar da súa saída do tratado.

Saída de tres tratados

Donald Trump levaba meses valorando a ruptura. Coa medida, xa son tres os acordos militares multilaterais que abandona desde a chegada á Casa Branca, tras sacar os EUA do pacto nuclear con Irán e do Tratado sobre Forzas Nucleares de Rango Intermedio subscrito coa URSS en 1987. Tamén se retirou do acordo de París contra o cambio climático.

Témese agora polo futuro de START, o pacto que limita as armas nucleares de longo alcance de Rusia e os EUA e que caduca en febreiro do 2021.

comentarios