Vox presenta na Audiencia Nacional unha querela contra Zapatero por colaboración con ETA

Volve o retrouso de Todo é ETA. Se todo é ETA, Zapatero tamén. Así o considera Vox. O partido da ultradereita interpuxo, esta quinta feira na Audiencia Nacional, unha querela criminal contra José Luis Rodríguez Zapatero, ex presidente do Goberno (2004-2011), pola comisión de tres supostos ilícitos penais: colaboración con banda terrorista, revelación de secretos e omisión de perseguir delitos.

Vox
photo_camera Abascal anuncia no Congreso a interposición da querela

A base argumental sobre a que cimenta Vox a súa querela son as actas incautadas a ETA, documentos en que esta organización consigna que desde o goberno español, durante a etapa de Zapatero, se alertou a comandos armados de que estaban no albo de operacións policiais no sur de Francia. O propósito das alertas tería sido evitar o colapso das negociacións en curso entre os representantes do Estado e a dirección de ETA.

Vox outorgaríalle presunción de veracidade ás actas escritas pola organización armada.

É a primeira vez na historia do presente réxime político que se presenta unha querela contra un ex presidente por suposta colaboración con ETA. Non a presenta calquera, senón un grupo parlamentar composto por 24 deputadas, unha forza política imprescindíbel para a formación de maiorías de dereita nos concellos e nos parlamentos autonómicos.

Alén de se querelar contra Zapatero, Vox anuncia tamén que, ao igual que EH Bildu, aínda que por distintos motivos, non vai tomar parte no acto de homenaxe ás vítimas de ETA que se realiza no Congreso.

A ollos da ultra-dereita este evento ten como obxectivo branquear o proceso de negociación entre o Goberno Zapatero e ETA.

Comentarios