Vox axita o discurso de odio na Cámara e recorda ao PP que o sostén en Gobernos

Santiago Abascal utiliza a moción de censura para axitar odio e españolismo e gañar pulso ao PP.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ao remate da súa intervención no debate da moción de censura (Fotos: E. Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ao remate da súa intervención no debate da moción de censura (Fotos: E. Parra / Europa Press)

O líder do partido ultradereitista Vox, Santiago Abascal, desfrutou esta cuarta feira, 21 de outubro, do protagonismo mediático que lle outorgou a moción de censura que presentou contra o Goberno de Pedro Sánchez. Desde o atril do Congreso dos Deputados repetiu varias veces que a súa moción -que esta quinta feira votará a Cámara Baixa- era "urxente e necesaria", a pesar de que hai meses que a anunciou. Unha urxencia non de tempo senón de rédito electoral, xa que pasaron tres meses desde o seu anuncio, pois Vox non quixo presentala no verán polo escaso eco mediático que tería.

O duelo entre Sánchez e Abascal foi tenso e o primeiro non se cortou á hora retratar o líder de Vox como "un depredador sen valores e sen ningún tipo de escrúpulos".

Tampouco faltaron as alusións constantes ao PP. Abascal chamou á "reflexión" nas filas de Pablo Casado, alegando que non se pode apoiar un Goberno que se comportou de maneira "criminal, sectaria e que leva España á ruína". Ademais, o ultradereitista lembrou ao PP que Vox o mantén nos Gobernos de Madrid, Andalucía e Murcia.

Os populares teñen pendente aclarar o seu sentido de voto, xa que adiantaron que non apoiarán a moción pero sen determinar se dirán 'non' ou se preferirán a abstención. 

Sánchez, pola súa banda, pediu de novo a Casado que vote en contra da moción. "Se o fai así, poderemos atoparnos e contribuír ao necesario entendemento que nos está pedindo a sociedade", reclamou o presidente. 

Así mesmo, Sánchez defendeu  a "lexitimidade" do seu Goberno porque logrou a maioría nas urnas. "Os españois deron -ao PSOE- a súa confianza maioritaria, pero non o apoio suficiente para gobernar en solitario. Que fan os demócratas? Pois pactar". Así se defendeu das críticas de  Vox polo seu acordo con Podemos e os nacionalismos na investidura. 

Sánchez botou en cara a Abascal que use o cualificativo de "criminal" para referirse á súa xestión da pandemia e negou a acusación de que o Estado español "sufra a maior recesión do mundo", como dixo Abascal.

Así mesmo, Sánchez asegurou que a inmigración e a China non son os causantes da propagación do virus e pediu ao líder de Vox "un mínimo de rigor e de humanidade para non mentir nestas cuestións" e instouno a non falar de "virus chinés".

O líder do Executivo dixo que é unha afirmación sen "fundamento" que o Goberno queira "derrocar a Casa Real" e avisou Abascal que "fraco favor" fai coas súas posicións á Monarquía.

"Sodes imperialistas fracasados", di Néstor Rego a Vox

Con dureza cargou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, contra Santiago Abascal por defender o franquismo, após o de Vox repetir que o Goberno estatal actual é o peor "en 80 anos". Rego denunciou o discurso de "odio, racista, machista e homófobo" de Abascal e colocouse na defensa da nación galega, dos dereitos das e dos traballadores, da soberanía e da República galega.

"Hoxe volven reiterar a proposta de ilegalizarnos botando de menos cando eliminaban tamén fisicamente", denunciou Rego recordando os milleiros de vítimas do franquismo e mencionou os líderes nacionalistas asasinados Alexandre Bóveda e Moncho Reboiras.

"Sodes uns imperialistas fracasados", culminou traendo verbas de Castelao de novo ao Congreso e recordando que Galiza non quere Vox, que ten cero concelleiros e deputados. 

Ilegalizar o nacionalismo

Outros dos ataques da ultradereita foron contra a Lei de Memoria Democrática e a existencia de formacións nacionalistas. De "renegados" cualificou os soberanistas desde o estrado un Abascal que elevaba o ton ao falar da unidade de España. 

O líder de Vox repetiu que defenden a ilegalización de partidos nacionalistas porque "a pluralidade non pode ser escusa para romper España", dixo.

Na sesión de interviron, ademais de Sánchez e Abascal, portavoces de numerosos grupos que anunciaron a súa oposición a Vox como o BNG, EH Bildu, ERC, Junts,CUP, PNV, Más Pais ou os partidos canarios. 

Tamén a líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, defendeu o 'non', mais ela marcando perfil unionista, neoliberal e europeísta. 
 

Comentarios