O comezo da desconexión co Estado

Que votou realmente o Parlament?

A maioría independentista aprobou esta cuarta feira no Parlament as conclusións da comisión do Procés Constituent. Junts pel Sí e a CUP entenden basicamente que "no marco xurídico constitucional e legal español" non é posíbel exercer o dereito a decidir e apostan na "desconexión e na activación dun proceso constituínte propio".

Parlament. Votación Procés Constituent. Desconexión co Estado español. 27 de xullo de 2016
photo_camera Pleno do Parlament a piques de votar as conclusións

As conclusións da Comisión subméteronse a votación esta cuarta feira no Parlament e receberon a luz verde da Cámara grazas aos votos das formacións soberanistas. O unionismo non votou de forma monolítica. Catalunya sí que es pot (a coligazón de Iniciativa per Catalunya, Podemos, Esquerra Unida i Alternativa e Equo) votou en contra. PSOE optou por non votar, embora o seu grupo parlamentar se manter presente na cámara, en tanto que PP e Cs abandonaron o salón plenario.

AS FASES DO PROCESO

O Parlament votou que o proceso constituínte se desenvolva en tres fases: proceso participativo, desconexión co Estado español e convocatoria de eleccións constituíntes para formar unha asemblea parlamentar que terá como fin redixir a Constitución catalá. Ao final do percurso, o pobo terá de votar en referendo a nova Carta Magna.

QUEN ORGANIZA O PROCESO PARTICIPATIVO?

De acordo coas conclusións da Comisión votadas polo Parlament, o órgao principal será un Fòrum Social Constituent "formado por representantes da sociedade civil organizada e dos partidos políticos". Terá como misión fundamental "debater e formular un conxunto de perguntas sobre contidos concretos da futura Constitución, que terán de ser resolvidos pola cidadanía a meio dun proceso de participación cidadá". As conclusións serán vinculantes para "os integrantes da asemblea constituínte".

COMO SE FAI A DESCONEXIÓN?

Será a partir da aprobación das leis de desconexión por parte do Parlament e dun mecanismo unilateral "de exercicio democrático" co propósito de "activar a convocatoria da asemblea constituínte".

O Parlament proclama que esas leis estarán blindadas, ou sexa, non son "susceptíbeis de control, suspensión ou impugnación por parte de ningún outro poder, xulgado ou tribunal", en clara alusión ao Tribunal Constitucional español.

OS PODERES DA ASEMBLEA CONSTITUÍNTE

Terá "plenos poderes", isto é, actuará a todos os efeitos como o Parlamento dunha nación soberana. "As decisións desta asemblea serán de cumprimento obrigado para o resto de poderes públicos e para todas as persoas físicas e xurídicas. Ningunha das decisións da asemblea serán susceptíbeis de control, suspensión ou control por ningún outro poder, xulgado ou tribunal".

Comentarios