Volve a "foto de Colón" da man de Rosa Díez e Paco Vázquez

Unión78, a plataforma impulsada por persoas como o ex alcalde coruñés Paco Vázquez ou a ex líder de UPyD, Rosa Díez, quere reeditar a 'foto de Colón' de 2019, en que se xuntaron os xefes de filas do PP, Vox e Cs a prol da unidade de España. Agora, dous anos despois, volverán a Colón en contra dos indultos aos presos do procés.
Os líderes de PP, Vox e Cs coincidiron na chamada foto de Colón en febreiro de 2019 (Foto: Europa Press)
photo_camera Os líderes de PP, Vox e Cs coincidiron na chamada foto de Colón en febreiro de 2019 (Foto: Europa Press)

A madrileña praza de Colón volverá ser enclave para reivindicar a unidade de España fronte ao soberanismo catalán. Desta volta, a convocatoria parte da plataforma Unión78, que convocou unha manifestación para o vindeiro domingo 13 de xuño na praza de Colón en contra da concesión dos indultos ás presas e presos políticos catalás condenados polo procés. Unión78 está impulsada por persoas como a ex dirixente de UPyD Rosa Díez, a ex líder do PP vasco María San Gil, o filósofo Fernando Savater, o ex alcalde socialista coruñés Francisco Vázquez ou o profesor de Dereito na USC Roberto Blanco Valdés. 

Tanto PP, como Vox e Ciudadanos xa manifestaron o seu apoio á concentración de xuño, aínda que non aclararon se os seus líderes reeditarán a famosa "foto de  Colón" de febreiro de 2019. O dirixente de Vox, Santiago Abascal, foi o encargado de pedir unidade "máis aló das siglas dos partidos". "Vémonos en  Colón", emprazou dando a entender que el mesmo encabezará a delegación do seu partido.

Pola súa banda, o Partido Popular anunciou que estará presente mais non aclarou se participará o seu líder, Pablo Casado, que iso si, anunciou unha campaña de recollida de firmas en contra dos indultos aos presos do procés.

Tampouco Cs dixo se Inés Arrimadas participará na concentración alegando que o protagonismo corresponde á sociedade civil.

A respecto dos indultos, a dirección do PSOE xustificou esta sexta feira, 28 de maio, "por responsabilidade e valentía" os posíbeis indultos, ante as críticas internas expresadas polo presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, e o de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, ou dos históricos Felipe González e Alfonso Guerra.

Dous anos de Colón

"Foto de  Colón", así se acabou por coñecer a protesta que a 10 de febreiro de 2019 reuniu por primeira vez na mesma imaxe  Pablo Casado, Santiago Abascal e Albert Rivera. A manifestación ultraespañolista con nutrida participación de ultradereitistas tamén contou coa presenza entusiasta do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo.

Esquerra sorpasaría o PSC e manteríase a maioría soberanista

Mentres, en Catalunya, a tres meses das eleccións ao Parlament e da toma de posesión esta semana de Pere Aragonès (ERC) como president da Generalitat, o Centre d'Estudis d'Opinió (CEO) -nun estudo realizado entre 11 e 19 de maio e publicado este 28 de maio- amosa que, de repetírense os comicios, Esquerra reforzaría posicións e sería primeira forza. Daría así o sorpaso ao PSC -o máis votado en febreiro-.

Ademais o independentismo seguiría por riba de 50% dos votos. ERC pasaría dos 33 aos 36-37 escanos, aínda que o PSC tamén subirían dos 33 actuais a 34-35. Junts perdería tres e quedaría en 28-29. A CUP subiría outros tres (11-12), superando Vox, que baixa a 7-8. Cs perdería os seus 11 escanos e o PP aumentaría até os 4-5. Pola contra, o CEO sinala un lixeiro aumento de cataláns que rexeitan a independencia (48,7%), mentres que 44,9% si a queren. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios