mércores 27.05.2020

Volta ao traballo sen certezas ante o virus

Desde que comezou a pandemia, saúde e economía foron postas na balanza. Manter o equilibrio é obxectivo complicado. A OIT lembra que 55% da poboación mundial non ten seguridade social, mais países como EUA presionan para regresar á actividade. E na UE, finalmente, a COVID-19 non será considerada de "alto risco" para os traballadores.
Distribución de comida nun suburbio de París. 55% da poboación mundial non ten seguridade social (Mehdi Chebil / Polaris)
Distribución de comida nun suburbio de París. 55% da poboación mundial non ten seguridade social (Mehdi Chebil / Polaris)

A Comisión Europea decidiu nas últimas horas que a COVID-19 non alcanza o nivel máximo de perigosidade previsto na lexislación sobre a protección dos traballadores. Fíxoo tras a deliberación confidencial do Comité de Progresos Técnicos que, no entanto, non contou coa opinión da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo.  

Foi a finais de abril que a Comisión lanzou un procedemento acelerado para clasificar o SARS-CoV-2 nun dos catro grupos da lista de "axentes biolóxicos" ─virus, bacterias, parasitos e fungos─ que obrigan a medidas de protección dos traballadores na UE. E foi o 7 de maio que chegou a proposta de colocalo no grupo 3 xa que, segundo defende é onde tamén se sitúan o SARS e o MERS.

Na directiva de 2000 sobre a protección dos operarios contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos, a escala de gravidade ten catro niveis. No menos perigoso, o grupo 1, sitúanse os axentes biolóxicos que "non é probábel que causen enfermidades en humanos". 

No máis perigoso, o 4, entra todo aquel patóxeno que "cause enfermidades humanas severas e supoña un risco serio" e que ademais "poida presentar un alto risco de estenderse á comunidade" e para o que "habitualmente non hai profilaxe efectiva nin tratamentos dispoñíbeis". Este grupo inclúe virus como o ébola.

Persoal sanitario

Finalmente, a Comisión decidiu introducilo no grupo 3, que se diferenza do 4 en que si "habitualmente hai profilaxe efectiva e tratamentos dispoñíbeis". Unha descrición discutíbel no caso da COVID-19 e que, tal e como sinalou a Confederación Europea de Sindicatos (CES), "pode ter consecuencias para a saúde no traballo e da poboación".

O seu vicesecretario xeral Per Hilmersson lamentou nun comunicado a decisión do Executivo comunitario, sinalando que "as investigacións mostran que as características do virus xustifican a clasificación no grupo 4, non só pola falla dun tratamento efectivo ou dunha vacina, senón tamén polo alto risco de que os traballadores en contacto co público transmitan o virus á comunidade".

O CES considera que isto "daría unha protección máis forte ao persoal sanitario e ao de atención en residencias de maiores", e aposta por reducir a clasificación de risco "axiña haxa un tratamento efectivo ou unha vacina dispoñíbeis". Mentres, ante a decisión comunitaria, pide aos Estados membros que sexan eles quen "implementen medidas máis estritas".

Sen coberturas sociais

Nestes Estados, como acontece en todo o mundo, a balanza entre saúde e economía estase a inclinar cara á segunda, unha vez que a famosa curva de contaxios reduciu a súa escalada. Nos EUA, a maior economía do mundo con máis de 21.000 millóns de dólares de Produto Interior Bruto estimado, as presións foron maiores desde o primeiro momento. 

O presidente Donald Trump apostaba a súa reelección nuns exitosos datos macroeconómicos e nunha taxa de desemprego que en 2019 foi de só 3,7%, a máis baixa en 50 anos. En abril, a taxa de paro era de 14,7% , o peor dato desde a Gran Depresión, e unha mala noticia para as aspiracións de Trump.

Porque, ademais, o virus puxo en evidencia un sistema que carece dunha protección extensiva para o principal elo da estrutura produtiva: a man de obra. Os medios estadounidenses informaron de numerosos casos de persoas que acudiron enfermas aos seus postos de traballo pola imposibilidade de subsistir sen salario. 

Neste sentido pronunciouse a Organización Internacional do Traballo (OIT) nun informe que acaba de publicar sobre as coberturas sociais durante a pandemia, nomeadamente nos países en desenvolvemento. O estudo lembra que uns 4.000 millóns de persoas, 55% da poboación mundial, non están cubertos pola seguridade social ou sistemas similares, e que 20% da xente sen traballo non ten ningunha axuda por desemprego.

Este contexto "forzou as persoas iren traballar cando estaban enfermas ou en corentena", salientou a OIT, e advertiu de que a insuficiente protección social en moitos países pode pór en dúbida os plans de recuperación, "expor millóns á pobreza e afectar a preparación global de cara a futuras crises". "O virus ─subliñou─ non discrimina entre ricos e pobres, mais os seus efectos son altamente desiguais".

Nin tests nin trazabilidade

Nos EUA, país con maior número de casos, os expertos opóñense á volta prematura ao traballo. Nunha declaración na terza feira, o doutor Anthony Fauci, máxima autoridade do país en enfermidades infecciosas, prognosticou pésimas consecuencias dado que non se conta con capacidade para facer tests e estabelecer a trazabilidade dos contaxios. "Hai un risco real de provocar un brote incotrolábel", algo que podería levar non só a "mortes evitábeis", sinalou, "senón tamén a devolvernos ao posto de saída da recuperación económica".

Tamén o doutor Rick Brine, director dunha axencia sanitaria dos EUA despedido por Trump por se opor ao uso da cloroquina, manifestouse na quinta feira no mesmo sentido nunha comisión de investigación parlamentaria. "O mundo afronta unha emerxencia sanitaria que ten o potencial de eclipsar a devastación da gripe de 1918 que cobrou 50 millóns de vidas".

comentarios