Voces no PSE piden repensar a estratexia de cogoberno co PNV ante a falta de crecemento electoral

As urnas vascas deron o 12-X un Parlamento cunha maioría abertzale non vista até a data. O PNV e Bildu suman 53 escanos (a maioría absoluta está en 38). Non obstante, o cálculo do lehendakari en funcións, Iñigo Urkullu, apunta cara a reeditar o Goberno co PSE. Na casa socialista, porén, amósanse xa  discrepancias sobre tal estratexia. 
 
O candidato á reelección polo PNV, Iñigo Urkullu, e o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, celebrando a vitoria electoral do 12-X.
photo_camera O candidato á reelección polo PNV, Iñigo Urkullu, e o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, celebrando a vitoria electoral do 12-X.

A executiva do Partido Socialista de Euskadi (PSE-PSOE) considerou onte os resultados dos comicios do 12-X como un "reforzo" da súa formación para a próxima lexislatura en chave de "gobernabilidade", salvo que "se concrete un pacto soberanista entre o Partido Nacionalista Vasco e Euskal Herria Bildu". Desde o PNV xa apuntaron onte que "o primeiro intento en firme" será a prol de reeditar o Goberno co PSE". 

Mais o certo é que os socialistas non lograron sacar beneficio electoral da súa participación co PNV no Goberno de Euskadi. Tampouco obtiveron maior rendibilidade do papel do PSOE no Executivo español nin da caída en votos que sufriu este domingo Elkarrekin-Podemos (baixou de 11 a 6 escanos). O PSE non aumentou en votos, todo o contrario, perdeu uns 4.500. Porén, si viu incrementada nun escano a súa representación no Parlamento, pasando de 9 a 10 actas. Moi lonxe fican xa os 25 asentos que conseguira na Cámara vasca en 2009 ou os 16 de 2012. O conformismo co resultado electoral amosado pola líder socialista, Idoia Mendia, alegrándose de ter sobrepasado Podemos e mirando xa cara a un novo cogoberno co PNV, xerou polémica na rede. De facto, a falta do despegue electoral do PSE xa está a axitar a casa socialista. Odón Elorza, ex alcalde de Donostia e home de confianza de Pedro Sánchez, e un dos 15 deputados que votaron aquel 'non é non' na investidura de Mariano Raxoi, cuestionou onte publicamente a estratexia de Mendia. Os do 12-X son uns "resultados que non cumpren as expectativas, aínda que a outros lles fose moito peor. Abrirase unha reflexión no PSE sobre a non continuidade no Goberno de coalición co PNV?", escribiu Elorza en Twitter.  

Hexemonía soberanista

Aínda que a preferencia no PNV e no PSE é explorar a reedición da coalición, a maioría dos sufraxios deste domingo deu unha hexemonía histórica abertzale na Cámara vasca. O PNV, pese a perder case 50.000 votos, pasou de 28 a 31 escanos. A segunda posición logrouna Euskal Herria Bildu, que medrou máis de 23.000 votos e conseguiu 4 actas novas, rachando co seu teito electoral e facéndose con 22 actas, unha por riba das 21 conseguidas en 2012 e superando outras mellores marcas do pasado, como a que fixera Euskal Herritarrok con 14 escanos en 1998. 

Esta suba da esquerda abertzale chega nun contexto histórico pola baixa participación, cun récord de abstención nuns comicios vascos de 47,2%, 13 puntos por riba da rexistrada hai catro anos. Porén, pese a baixada do voto, Bildu subiu en escanos e en sufraxios (Vox foi a outra forza que aumentou en votos, 16.000 máis, o que lle deu unha deputada). 

A Cámara vasca é pois a máis abertzale da historia, con 53 escanos de 75. Os resultados foron "excelentes", asegurou onte a candidata de Bildu, Maddalen Iriarte. Sobre o PNV, dixo que este fixera unha "clara renuncia" a crear o novo Estatuto para Euskadi e recoñeceu que non vía a formación jeltzale "lista para trazar con Bildu un camiño cara a unha república vasca".  Con todo, salientou que a cidadanía pediu nas urnas "a concreción dun proxecto nacional e popular" e, por tanto, tamén considerarán a posibilidade de "articular unha maioría soberana", dixo. "O que está claro é que socioloxicamente este país está a favor do dereito a decidir, e que hai unha maioría progresista", agregou Iriarte en referencia á suma de escanos que daría maioría absoluta a Bildu, PSE e Podemos, un pacto que fica descartado. 

Ademais de Podemos, a outra forza cun resultado moi difícil nas urnas foi o PP, que caeu de nove a cinco escanos, a pesar desta vez ir en coalición con Ciudadanos.

Zaldibar

Os jeltzales perderon arredor dun milleiro de votos nas eleccións en Zaldibar, Ermua, Elgeta e Eibar, os catro municipios afectados polo derrubamento do vertedoiro de Zaldibar, que desde o pasado 6 de febreiro mantén dous operarios sepultados baixo os escombros. O accidente estivo moi presente na campaña electoral vasca e todos os partidos criticaron a xestión da crise do Goberno de coalición de PNV e PSE.

Comentarios