O nacionalismo gobernará Córsega por primeira vez na historia

'Pè a Corsica', unión de autonomistas, nacionalistas e independentistas, obtivo o 35,3% dos votos na segunda volta das rexionais francesas, impóndose á esquerda, dereita e extrema-dereita francesa. O alcalde de Bastia, o nacionalista Gilles Simeoni, perfílase como novo presidente da illa.

corsega2
photo_camera Festexos da vitoria nacionalista

O soberanismo corso gañou as eleccións na illa e ten todas as bazas para se fazer, por primeira vez na historia, co goberno de Córsega. A candidatura 'Pè a Corsica' foi a máis votada, cun 35,3% de apoios nas urnas, o que lle dá 24 deputados na Asemblea por 12 da esquerda francesa, 11 da dereita e 4 da Fronte Nacional, que colleitou nesta illa mediterránea un dos seus peores resultados en todo o Estado francés. De feito, colleitou menos apoios que na primeira volta.

É unha vitoria histórica para o nacionalismo corso, até hai pouco atomizado en diferentes organizacións e colectivos, non poucas veces ensarillados en enfrontados entre si. Un escenario que foi cambiando aos poucos no último lustro. E despois da primeira volta das rexionais, o pasado 6 de decembro, deuse un feito de gran importancia: as 2 principais ferramentas políticas corsas, 'Femu a Corsica' – autonomistas e nacionalistas- e 'Corsica Libera' -independentistas- apostaron nunha candidatura de unidade nacional, 'Pè a Corsica'.

Os resultados da coligazón soberanista na segunda volta (35%) superan en sete pontos os obtidos na primeira rolda por nacionalistas e independentistas concorrendo por separado (28%)

Os resultados desta coligazón (35,3%) superaron a suma dos votos obtidos por estas 2 organizacións na primeira volta: un 25%. Naquela cita tamén concorrera outra lista independentista (Rinnovu), que se fixera co 2,6% de apoios nas urnas. En total, pois, os partidos nacionais corsos atinxiran o 28% dos apoios nas urnas, un de cada catro votos. Nas eleccións deste domingo 13 foi o 35,3%, sete puntos máis, un de cada tres votos.

Xa en novembro, enquisas e sondaxes apontaban a que o nacionalismo corso tería bos resultados nas rexionais. Quen se perfila como probábel presidente corso é Gilles Simeoni, a persoa que nos comicios de 2014 conquistou Bastia, a capital da Córsega Norte, para o soberanismo corso. 

Sen capacidade

Con 24 de 51 deputados na Asemblea corsa, o nacionalismo non ten maioría. Mais para superalo precisaríase que a esquerda francesa, a dereita francesa e a Fronte Nacional sumasen os seus deputados, o que non semella probábel. Nas eleccións de 2010 a vitoria fora para a esquerda gala, que atinxiu 24 escanos, por 12 da dereira. O nacionalismo lograra 15: 11 de Femu a Corsica e 4 de Corsica Libera.

Porén, hai que lembrar que a asemblea corsa ten escaso poder lexislativo, o que xa provocou mobilizacións na illa. Ampliar o auto-goberno e a capacidade de xestión e decisión da illa é un dos alicerces da coligazón vencedora das eleccións.

Fronte Nacional, sen ningún poder

Embora os seus bos resultados na primeira volta -gañou en 6 das 13 rexións de Franza- a Fronte Nacional non vai gobernar en ningunha delas, ao non atinxir a maioría suficiente. Porén, logrou na totalidade do Estado un 27% dos votos, un resultado que, aponta Le Pen, supón a fin do bipartidismo en Franza e o inicio do “espertar francés”.

Nesta segunda volta, os socialistas impuxéronse en 5 territorios (entre elas, Bretaña, mais perdeu París após 17 anos de goberno) e a dereita 'republicana' en sete. O nacionalismo, nun, Córsega.

Comentarios