A vitoria da esquerda dá azos para un Chipre reunificado

O novo presidente de Chipre do Norte, Mustafa Akinci, turco-chipriota, fora alcalde de Nicosia. É partidario de camiñar cara á reunificación da illa da man dun sistema federal

Chipre

Mustafá Akinci, o candidato da esquerda, saiu gañador na segunda volta das eleccións presidencias da República Turca de Chipre do Norte, que ocupa desde a división de 1974 o terzo norte da illa e é recoñecida internacionalmente unicamente por Turquía. Akinci, que tiña o apoio de socialdemócratas e socialistas, obtivo máis de 20 puntos de marxe sobre o actual presidente, o conservador Dervis Eroglu: 60,5% dos votos fronte un 39,5%, destaca Nationalia.

Na primeira volta o candidato máis votado fora o actual presidente, Eroglu, pois atinxira o 28% mentres que Akinci conseguira o 26,9, a socialdemócrata Sibel Siberun 22,5% e o conservador K. Özersay un 21%.

O candidato de esquerdas xa se comprometeu así como sexa posíbel a retomar as conversas de paz para atopar unha solución ao conflito. Akinci é partidario de poñer fin á división de 1974 e reunificar a illa baixo unha única estrutura de carácter federal e nada a partir de dous estados constituíntes: greco-chipriota e turco-chipriota.

Akinci foi alcalde de Nicosia durante 14 anos (1976-1990) e destacou por iniciativas e proxectos comúns co alcalde greco-chipriota. O presidente de Chipre, Nicos Anastasiades, xa manifestou que a vitoria do candidato da esquerda era un paso prometedor “para a nosa patria común”.

Comentarios