Vítimas colaterais da conservación animal

O fráxil equilibrio dos ecosistemas fai que calquera intervención humana provoque unha reacción en cadea. Aínda que a intención sexa boa. É o caso da protección do oso panda na China, que levou á redución na zona de catro grandes mamíferos. Ademais, a conservación animal tamén choca en ocasións co benestar de pobos orixinarios.
Giant_Panda_Eating
photo_camera A desaparición do seu hábitat de bambú é a maior ameaza para a supervivencia do oso panda xigante (Chen Wu / CC)

Na China é un símbolo nacional, tanto que regalar un exemplar a un país estranxeiro é considerado un xesto diplomático de alto valor para o Goberno que recibe o presente. E no mundo, un exemplo de recuperación e conservación, sendo unha especie que até hai poucos anos estaba en risco de desaparición. No seu día estendíase polos bosques de todo o sur até Beijing; actualmente cínguese ás provincias occidentais de Sichuan, Shaanxi e Gansu. Trátase do oso panda.

A Lista Vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) clasifica en nove categorías as especies ameazadas de extinción en función do risco actual, de menor a maior: Non Avaliado, Datos Insuficientes, Preocupación Menor, Case Ameazado, Vulnerábel, En Perigo, En Perigo Crítico, Extinto en Estado Silvestre e Extinto. Con data de 11 de abril de 2016, o panda pasou de estar considerado En Perigo a Vulnerábel. 

Os esforzos realizados polo Goberno chinés durante a segunda metade do século XX foron chave para evitar a extinción deste animal, que ten na desaparición do seu hábitat a maior ameaza para a supervivencia. Porén, apunta a UICN, prevese que o cambio climático elimine durante este século máis de 35% do bosque de bambú ─a principal fonte de alimentación do panda─, "revertendo os avances realizados durante as últimas dúas décadas".

Medidas correctivas

O primeiro censo nacional de poboación do panda (1974-1977) estimou que había 2.459 exemplares, cifra que se viu reducida drasticamente até os 1.216 individuos no segundo (1985-1988). Segundo explica a UICN, esta situación levou á aprobación da lei de protección de fauna salvaxe de 1988, que castiga a súa caza ilegal. 

Tamén, á posta en marcha do proxecto nacional de conservación do panda e do seu hábitat, que levou á creación do sistema de santuarios e reservas naturais. As de Sichuan, como a popular de Wolong, son un dos lugares con maior diversidade botánica do planeta e patrimonio da Unesco desde 2006. 

Estas medidas tiveron un impacto positivo: na terceira mostraxe de datos (2000-2004), a poboación de oso panda medrou a 1.596. Na cuarta e última até hoxe (2011-2014), contabilizáronse 1.864 exemplares maduros.

Para esta mellora foi vital o traballo das autoridades que, porén, non tiveron en conta outras que comparten o hábitat do panda, segundo un recente estudo publicado en Nature Ecology & Evolution. É o caso do can salvaxe asiático (En Perigo), o leopardo (Vulnerábel), o leopardo das neves (Vulnerábel) e o lobo. 

Entre 2008 e 2018 analizouse a presenza destes grandes carnívoros na zona e contrastouse cos datos acumulados até a década de 1970 nas 73 áreas protexidas da China, incluídas as 66 reservas naturais de pandas. O resultado foi que as catro especies desapareceran case por completo: o can salvaxe, de 95% do territorio; o leopardo, de 81%; o leopardo das neves, de 38%; e o lobo, de 77%.

"Indica a incapacidade da conservación do panda xigante para protexer estas especies de grandes carnívoros", sinalan os investigadores liderados por Sheng Li, da Escola de Bioloxía da Universidade de Beijing. Conclúen que a política de conservación da biodiversidade na rexión, centrada nunha soa especie, non é positiva. 

Especies 'simpáticas'

O plan de conservación do panda asociouse á protección doutros animais. Isto logrouse con aves e pequenos carnívoros, mais non con estes depredadores, que afrontan ameazas como a caza furtiva, as talas e as enfermidades. 

O estudo salienta, con todo, que a súa protección supón un reto maior xa que, mentres que a área de movemento dun panda chega aos 13 km2, estas catro especies desprázanse por áreas de até 100. O ideal, defende, sería ligar áreas afastadas para unir poboacións illadas que poidan acabar apareándose. Isto, dixo Sheng aos medios, "aumentará a resiliencia e sustentabilidade do ecosistema, non só para o oso panda senón tamén para outras especies".

Para Sheng cómpre que os futuros plans de conservación vaian máis alá de animais cun "enorme carisma". Este é un mal común do que adoecen moitos proxectos a nivel mundial, onde especies ameazadas consideradas 'simpáticas', con encanto estético ou que funcionan como atractivo turístico, reciben maior apoio popular e económico que outras menos coñecidas ou que provocan medos atávicos, como arañas, serpes ou voitres.

Cando protexer a fauna tórnase colonialismo

"De boas intencións está o inferno cheo". Este dito popular poderíase aplicar aos sucesos acontecidos nos últimos tempos na cunca do Congo e que acabaron enfrontando a dúas ONG de prestixio mundial: WWF, de conservación animal, e Survival, de protección dos pobos orixinarios.

En marzo de 2019 unha investigación de BuzzFeed News revelou que gardas de parques naturais, financiados por WWF para combater a caza furtiva na zona, cometeran asasinatos, violacións, queima de casas e outros crimes contra membros dos baka, un pobo pertencente ás tribos pigmeas que alí mora. 

Survival leva varias décadas denunciando os abusos que se cometen contra aborixes de todo o mundo en aras da conservación animal. A emerxencia climática e a ameaza inminente que sofren moitos ecosistemas fixo que en ocasións as ONG mirasen cara a outro lado ante certos abusos.

Como resultado, en maio deste ano a Comisión Europea anunciou a conxelación de 700.000 euros de financiamento a WWF para este proxecto na área de Messok Dja e a nova revisión doutros.

Comentarios