domingo 12.07.2020

O virus fai que a China non fixe por primeira vez una cifra de crecemento

A sesión anula do Parlamento chinés desenvólvese estes días. Tamén se presentou a debate a polémica lei de seguridade para Hong Kong.
Imaxe de arquivo do Parlamento chinés (Europa Press)
Imaxe de arquivo do Parlamento chinés (Europa Press)

A China non fixará ningún obxectivo de crecemento da economía para este 2020, algo que non sucede desde 1990, como consecuencia da "gran incerteza económica" relacionada coa pandemia e o seu impacto no xigante asiático así como a nivel internacional, segundo indicou na sexta feira, 22 de maio, o primeiro ministro chinés, Li Keqiang, no discurso de apertura da Asemblea Nacional Popular (ANP), a sesión anual do Parlamento chinés.

"Gostaría de sinalar que este ano non estabelecemos un obxectivo específico para o crecemento económico ", dixo o premier, subliñando que a decisión responde á dificultade de predicir os factores que enfrontará a China. 

O obxectivo de crecemento anual por parte das autoridades chinesas forma parte da documentación de traballo habitualmente incluída no informe que se presenta cada ano na sesión parlamentaria, que nesta ocasión se desenvolve con case tres meses de atraso desde a data orixinal, o 5 de marzo, como consecuencia da pandemia.

No primeiro trimestre de 2020, cando a China sufriu o maior impacto da pandemia, o PIB rexistrou unha caída de 6,8% en termos anuais, a maior de toda a serie histórica, desde 1992.

"Non fixar unha meta específica para o crecemento económico permitirá concentrármonos en garantir a estabilidade nas seis frontes e a seguridade nas seis áreas", engadiu Li en referencia, en primeiro lugar, ao emprego, o investimento estranxeiro, o comercio exterior, o sector financeiro e as expectativas económicas; e en segundo,  ás áreas de emprego, mercado, alimentación, enerxía, función pública e necesidades básicas.

Hong Kong e Taiwán

Por outra banda, a xefa do executivo de Hong Kong, Carrie Lam, afirmou onte estar disposta a "cooperar plenamente" con Beijing para aplicar a lei de seguridade nacional que o Goberno chinés quere aplicar no territorio semiautónomo.

A norma, debatida onte na ANP tras meses de protestas en Hong Kong, prohibe calquera actividade vinculada á sedición, a secesión ou o terrorismo, e a inxerencia estranxeira. Para a oposición trátase dun paso máis na restrición das liberdades fundamentais do territorio.

Tamén o Goberno de Taiwán acusou ás autoridades chinesas de ameazar a liberdade de Hong Kong cunha norma que "pode provocar un caos aínda maior".

comentarios