Jared D. Larson: "A violencia policial nos EUA fortalece a Beijing e Moscova"

Jared D. Larson é doutor en Ciencias Políticas pola Universidade de Delaware e profesor na Universidade de Humboldt, en California. Desde San Francisco, onde reside, está a vivir estes días a tormenta social e política desatada nos EUA pola pandemia, o desemprego e as protestas raciais.
2020060514265546909
photo_camera Larson, coñecedor da política ibérica, é investigador asociado do IGADI desde 2005 (Nós Diario)

É a pregunta do millón de dólares: sairá Trump fortalecido ou debilitado da xestión das protestas pola morte de George Floyd?

Debilitado, sen dúbida. Digo "sen dúbida", aínda que desde 2016, cando apostaba cada céntimo que tiña a que Trump non gañaría nin a designación do Partido Republicano, cada acontecemento posterior sorprendeume. 

O certo é que a data non lle favorece. Esta semana conmemorouse a matanza da Praza de Tiananmen, e as imaxes de moitas cidades estadounidenses, con brutalidade policial ante manifestantes pacíficos, pintan mesmo peor nese contexto. Os líderes en Beijing, Teherán e Moscova saen cada día que pasa máis fortalecidos grazas a Donald Trump. Non teño dúbida ningunha.

A mesma pregunta poderíase facer sobre a xestión da pandemia...

Penso igual. Non entendo como podería saír reforzado. Hai máis de 100.000 mortes recoñecidas e haberá milleiros máis. Trump parece estar deixándose de preocupar sobre este tema, aínda que as enquisas indican unha desaprobación rotunda. Mais volvo a 2016: tamén daquela indicaban que non ía gañar as eleccións. Como politólogo, aínda que non me facían falta moitas máis probas, comprobei que nos EUA ─e tamén en España─ a ideoloxía política ten máis peso que os feitos científicos. Tristemente, máis peso mesmo que os cadáveres dos nosos veciños.

Como valora o papel do Partido Demócrata estes días?

Creo que, por fin, aprendeu algo das eleccións presidenciais de hai catro anos: non inclinar a balanza a favor de ningún candidato. Designar a Hillary Clinton non foi a mellor idea por moitos motivos. Aínda que era a persoa máis preparada entre as filas de ambos os partidos, case a metade do país ódiaa desde a década de 1990. Mais o partido preferiuna a ela antes que ao "socialista" Bernie Sanders. E como Sanders non se retirou, mesmo cando era case matematicamente imposíbel conseguir a designación, a campaña interna continuou e Clinton chegou ás eleccións contra Trump xa debilitada. 

Desta volta, foi diferente. Joe Biden venceu categoricamente as primarias de Carolina do Sur, grazas, en gran medida, ao voto afroamericano, e a tendencia era ascendente tras o Supertuesday. Días despois estalou a histeria pola pandemia nos EUA, e Sanders retirouse, en parte por non poder organizar mitins e en parte recoñecendo o seu papel nas anteriores eleccións. Así que o partido non interferiu e Biden saíu ileso do proceso.

E o papel de Biden?

Biden non ten responsabilidade directa nin da pandemia nin das protestas. É máis, como ten fama de meter a pata cando fala sen guión ─hai pouco dixo nunha entrevista nun programa de radio onde a audiencia é maioritariamente afroamericana que "se votas por Trump, non es negro"─; e ante a pésima xestión das dúas crises, o mellor que pode facer é calar e continuar axeonllándose ao carón dos manifestantes. Despois, así se levante o confinamento e designe o seu co-candidato, que ambos os dous saian a todas partes do país da man de Obama.

Esa parece ser unha das chaves de cara ás eleccións: quen acompañará a Biden como candidato a vicepresidente. Fálase de Kamala Harris, que é unha muller negra...

Aí xustamente é onde Biden non ten marxe para fallar. Sen dúbida será muller. Kamala Harris podería ser unha boa elección, mais creo que non será a designada. O pai dela é de Xamaica e a nai, da India. Harris identifícase como negra e podería atraer votantes de orixe surasiática, unha das poucas comunidades que non votan demócrata en masa. Mais antes de ser senadora por California, era a fiscal xeral do Estado e, polo tanto, responsábel da presenza de miles de presos nos cárceres. Na época pos George Floyd, o que podía ser unha fortaleza tornouse en debilidade. 

Outra candidata, ex rival de Biden na carreira demócrata, é Amy Klobuchar. Non é negra, o que non a desbota de entrada, mais antes de ocupar o cargo de senadora por Minnesota era fiscal xeral do Condado de Hinnepin, cuxa capital é Minneapolis, onde a policía matou a George Floyd. 

Con experiencia policial, unha boa opción sería a representante por Florida, Val Demings, que foi xefa da policía de Orlando. É negra tamén, e podería axudar a recuperar o Estado de Florida. En contra dela xoga a súa participación moi activa no impeachment de Trump. Necesítase unir o país e canto menos se fale do impeachment, mellor para Biden.

Eu creo que a mellor opción, para Biden e para o país, sería Stacey Abrams, anterior líder dos demócratas na Cámara de Representantes de Georgia. É nova, de 46 anos, e progresista. Dúas cousas que Biden non é. Abrams, co apoio de Sanders, case chegou a ser gobernadora en 2018, mais perdeu por menos de 55.000 votos nun dos Estados máis conservadores do país. Sería unha candidata dinámica e activa, e podería atraer Estados sureños que demograficamente son cada vez máis novos e menos brancos.

"Gañar o voto popular non significa nada"

Ante o cóctel coronavirus-paro-protestas raciais, que din as sondaxes electorais de cara ás eleccións de novembro?  "Din ─sentencia Larson─ que a partir do 20 de xaneiro de 2021, Trump non será presidente". "Nunha serie, Biden gaña por arredor de 10% ─di─, mais o problema coas enquisas nacionais é que non reflicten o famoso Colexio Electoral". "Como saben os 'non-presidentes' Al Gore e Hillary Clinton, gañar o voto popular non significa nada. Hai que sumar 270 dos 538 votos electorais, que se dan en base á poboación de cada Estado. Pensilvania, Ohio e Florida son chave e as enquisas dan a vitoria a Biden. Mais tamén lla daban a Clinton en 2016 e acabounos gañando Trump".

Porén, afirma, "Trump non se pode presentar xa como o candidato antiestablishment. Nos primeiros anos, grazas en parte á boa xestión de Obama, corría polo país como Forrest Gump. Mais desde marzo, vai fatal". A respecto de Biden, Larson explica que "non é o mellor candidato, segundo moita xente, mais con Obama xestionou a crise económica de 2008 e a do ébola de 2014". "Ante un electorado farto e con medo a enfermar, confío moito máis nas enquisas actuais que nas de 2016", conclúe.

Comentarios