A violencia e o acoso na UE é "moito maior" do que recollen os datos oficiais

Só un terzo das vítimas denunciou os feitos, recolle a Axencia polos Dereitos Fundamentais.
violencia_ue
photo_camera Oito de cada dez mozas de entre 16 e 29 anos limitan onde van e con quen están, co fin de se protexeren de posíbeis ameazas (UE)

Máis de 22 millóns de cidadáns da Unión Europea foron vítimas de ataques violentos no período de 12 meses. Porén, só un terzo o denunciou á Policía. A mocidade, a comunidade LGTBI, as minorías étnicas e as persoas con discapacidade son os grupos de maior risco, segundo o informe publicado onte pola Axencia polos Dereitos Fundamentais (FRA). 

Un de cada catro cidadáns europeos foron vítimas dalgún tipo de acoso, e máis de 22 millóns (do total de 446 millóns con que conta a UE) foron atacados fisicamente. Non obstante, raramente estes delitos acabaron cunha denuncia, ben por medo ben polas dificultades para faceren valer os seus dereitos. Recólleo o estudo da FRA (polas siglas en inglés), o primeiro deste tipo elaborado  a nivel comunitario.

"A gran diferenza entre os datos oficiais e as experiencias da xente deitan luz sobre a verdadeira dimensión do crime na UE. Os resultados dinnos que a mocidade, a xente que non se identifica como heterosexual e a que ten algunha discapacidade vense particularmente afectadas", sinalou o director da FRA, Michael O’Flaherty. 

As vítimas, sinala o informe, habitualmente non son coñecedoras dos seus dereitos ou non se lles permite exercelos. E non denuncian os delitos por medo a represalias ou pola intimidación por parte dos agresores. "A UE conta con leis para protexer os dereitos das vítimas, tal e como sustenta a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE. Cómpre que os Gobernos nacionais fagan máis" neste sentido, apuntou O’Flaherty.

Desde a FRA pretenden que o informe, titulado Crime, seguridade e dereitos das vítimas, guíe as políticas dos Estados sobre a súa protección. 

Remisos a denunciar

Ademais dos grupos de risco citados, tamén fai referencia á violencia que se produce por cuestión de sexo: en tanto que a maioría de agresións a homes se producen no exterior, as mulleres sófrenas dentro dos domicilios, aínda que o acoso de tipo sexual ao que son sometidas elas acontece en lugares públicos. Neste sentido, o estudo reflicte que máis mulleres que homes evitan certos lugares: unha elevada cifra ─83%─ de mozas entre 16 e 29 anos limitan onde van e con quen están, co fin de se protexeren de posíbeis ameazas.

As persoas máis maiores, as que contan cun nivel de estudos máis baixo e as que teñen dificultades económicas para chegaren a fin de mes son as máis remisas a denunciar calquera tipo de agresión. 

Desde a FRA reclaman que os Gobernos faciliten este proceso habilitando outros espazos, alén das dependencias policiais. Por exemplo, organizacións da sociedade civil ou servizos sanitarios, onde ademais de rexistrar os incidentes poidan informar as vítimas dos seus dereitos e orientalas sobre outros recursos de apoio.

Testemuñas de crimes

Outro dato de interese no informe ─con datos recollidos en 2019 en todos os Estados membros da UE (incluído entón o Reino Unido) mais Macedonia do Norte─ fai referencia á visión que a cidadanía europea ten sobre a seguridade e a súa disposición a actuar en presenza dunha agresión (que contempla un amplo abano, desde alguén golpeando a súa parella na rúa ou un pai dando unha labazada a un cativo até un atentado ecolóxico). Máis da metade das persoas manifestan que intervirían, e unha de cada cinco afirman taxativamente que non o farían.

Medo a ser vítima

E no estudo tamén se rexistra o medo que a xente ten a ser obxecto dun crime, un número máis elevado que o das propias vítimas. Neste caso, son delitos como os roubos nas contas bancarias ou a violación do domicilio propio as principais preocupacións. Mais non só. 

De novo os colectivos que máis agresións sofren, como as mulleres; ou os que teñen máis apuros económicas, como os desempregados; ou con problemas para se valeren por si mesmas, como as persoas con discapacidade e enfermas; ou con dificultades de integración, como os nacidos fóra da UE ou as minorías éticas, son os que máis desprotexidos se senten.

"O medo ao crime pode ser case tan daniño" como o propio crime, sinalou Michael O’Flaherty ao respecto, "moitas veces mudando como as persoas viven no seu día a día".

Comentarios