No mínimo 30 persoas mortas en dous asasinatos colectivos en EUA en menos de 24 horas

Vinte persoas asasinadas o sábado nun supermercado da cadea Walmart en El Paso, cidade cunha alta porcentaxe de poboación latina e inmigrante. O atacante, Patrick Crusius, de 21 anos, está detido. Investíganse se ten relación cun manifesto contra a inmigración publicado pouco antes do ataque. E este domingo, no mínimo 10 persoas mortas noutro 'tiroteo', desta volta en Dayton (Ohio). O tirador foi abatido.

tiroteo el paso eua

No mínimo 30 persoas mortas e varias ducias feridas é o balanzo dos dous ataques con armas que tiveron lugar esta fin de semana en Estados Unidos, o primeiro deles en El Paso, Texas, e o segundo en Dayton, Ohio. Neste último hai, segundo informaron as autoridades, dez falecidas, entre elas o atacante, abatido pola policía. Hai 16 persoas feridas. O ataque armado tivo lugar na East 5th Street, perto dun local de lecer. Investíganse as causas e motivacións do autor do ataque.

No mínimo 20 persoas mortas, entre elas varias crianzas, e 26 feridas como consecuencia dos disparos realizados por un tirador nunha tenda de Walmart en El Paso, Texas, nos Estados Unidos. O comercio estaba neses momentos repleto de clientes polas ofertas de compra de material de retorno ás aulas.

Patrick Crusius, de 21 anos, e veciño de Dallas foi detido como presunto responsábel deste asasinato colectivo, o oitavo máis mortífero da historia dos Estados Unidos desde 1949. O ataque, aliás, ten lugar apenas unha semana despois de que outro mozo matase tres persoas nun festival gastronómico en California.

O xefe de policía de El Paso, Greg Allen, informou que as autoridades atoparan un manifesto antiinmigración e investigan se é da autoría de Crusius. 

Comentarios