VÍDEO | Rebenta en Berlín o acuario cilíndrico máis grande do mundo

As primeiras hipóteses apuntan a un posíbel defecto de fabricación da estrutura.
O antes e o despois do acuario. (Fotos: @AlertaNews24 / Twitter)
photo_camera O antes e o despois do acuario. (Fotos: @AlertaNews24 / Twitter)

Monumental accidente o que sacudiu na mañá desta sexta feira a cidade de Berlín. O acuario cilíndrico máis grande do mundo, situado nun hotel da capital alemá, rebentou nun brutal episodio que, porén, non derivou na gran traxedia que puido ser, pois houbo dúas persoas feridas mais ningunha falecida, segundo informa o xornal Spiegel.

"Houbo sorte na desgraza", dixo a alcaldesa, Franziska Giffey, que matizou que se trata dunha "destrución incríbel", semellante ao "paso dun tsunami". "Se houbese xente nese momento teríamos que chorar incontábeis mortes, non terían ningunha oportunidade", apuntou.

Máis dun millón de litros de auga e perto de 1.500 peixes, todos eles mortos após o cruel desenlace, estaban dentro deste enorme cilindro de 16 metros de altura. A causa puido ser a "fatiga material" da estrutura, segundo esgrimiu a concelleira Iris Spranger.

"Non estamos a falar dunha goteira provocada por unha fenda no vidro. O acuario estalou, e iso é un defecto de fabricación", cuestionou un portavoz do Goberno local. A Policía, pola súa parte, desbota a hipótese dunha sabotaxe.

O torrente de auga levou por diante o persoal do hotel, clientes e mobiliario, e continuou o seu camiño inundando a rúa de Karl-Liebknecht, unha das máis transitadas do centro de Berlín, que foi fechada durante horas aos vehículos.

As dúas persoas feridas foron hospitalizadas e cadanseu prognóstico é reservado, segundo confirmaron os servizos de Emerxencia á axencia de noticias DPA, mentres máis dun centenar de bombeiros comezaron xa as tarefas de desescombro.

Comentarios