O vídeo dun suposto roubo nun supermercado precipita a demisión de Cristina Cifuentes

Cifuentes nega que roubase nada, atribúe o episodio a un "erro involuntario" e afirma que a publicación do vídeo precipitou a adopción dunha decisión que prevía anunciar após os actos institucionais do 2 de maio. Afirma que marcha para evitar a chegada, vía moción de censura, dun goberno do PSOE apoiado por Podemos e Cs.

cifuentes
photo_camera Cifuentes, nunha comparecencia anterior

A publicación por parte de OK diario dun vídeo en que aparentemente Cristina Cifuentes extrae do seu bolso dúas cremas por valor de 40 euros que tería sustraído dun supermercado en Vallecas, en 2011, aumentou a presión sobre a presidenta da comunidade autónoma de Madrid até facela insoportábel. 

Segundo o relato oferecido por Cifuentes nunha comparecencia de imprensa convocada de urxencia, a decisión de demitir xa estaba previamente tomada e, portanto, non tería a ver con este episodio. O vídeo si que precipitou o anuncio da súa marcha. Cifuentes admitía así implicitamente que a renuncia está conectada co enorme desgaste que lle supuxeron as informacións xornalísticas sobre o modo fraudulento en que obtivo un máster na Universidade Juan Carlos de Madrid. En ningún momento aludiu a ese asunto para xustificar por que, se é que non roubou nada, deixa agora a presidencia. O argumento empregado é que o fai para evitar a chegada de Ángel Gabilondo á presidencia vía unha moción de censura que contaría co apoio de Podemos e Cs. Demitiría entón porque pon "os intereses xerais" por riba dos propios.

Cifuentes enmarcou a publicación deste vídeo nunha campaña de "acoso e derrubo" que foi "máis alá da política" e que se internou no territorio do "ataque persoal". "Non só pretendían acabar co adversario político, senón destruír a persoa", dixo. En ningún momento identificou a orixe desa campaña, que presumibelmente ten a ver co fogo amigo e as loitas intestinas no interior do PP. Si dixo que este era o prezo a pagar por se ter enfrontado á corrupción, clara alusión ao sector do PP liderado por Esperanza Aguirre e Ignacio González, ex presidentes da comunidade autónoma que acabaron tamén por demitir por asuntos vinculados a tramas corruptas.

Lembrou Cifuentes que "foi espiada" -en 2016 ElEspanol.com publicou que dirixentes do PP contrataron os servizos dun detective privado para a investigar- e que a gravación xa era "coñecida". "Este vídeo obedece a un erro involuntario", dixo e alegou que levara por equivocación dúas cremas e que, advertida do seu suposto despiste, acabou por abonar eses produtos á saida do supermercado. Afirmou tamén que "hai dous anos xa me tentaron extorsionar con ese vídeo", feito que tería posto en coñecimento da policía.

Comentarios